Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

CC.OO propón incrementar os servizos ferroviarios de proximidade na comarca

Por 20 Xuño, 2022Sin comentarios

Unha representación de CC.OO. reuniuse co alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, para tratar a situación da liña ferroviaria de ancho métrico que atravesa a a comarca da Mariña. A delegación sindical estivo formada polo coordinador do sector Ferroviario de CCOO, Gregorio Bermejo, a secretaria xeral comarcal de CC.OO., María José Novoa, e membros das seccións sindicais de CCOO en Adif e Renfe. 

Segundo CC.OO., desde hai “moitos anos”, pero especialmente desde que Feve se integrou en Adif e Renfe, os investimentos “limitáronse a actuacións puntuais de mantemento”. Proba disto é que existen limitacións de velocidade desde hai máis de vinte anos e cando hai temporais prodúcense numerosos incidentes en trincheiras e zonas de árbores. 

Impulsar a intermodalidade 

En opinión de CCOO, a oferta de servizos ferroviarios é insuficiente para a comarca, xa que só hai catro servizos por sentido e día entre Ferrol e Ribadeo, dous dos cales son conexión con Asturias. O sindicato pide realizar xestións para incrementar a oferta cun servizos de proximidade que, nalgún caso, terían que ser entre Ribadeo e Viveiro para atender as necesidades de estudantes, traballadores e demais usuarios. 

O sindicato tamén demanda impulsar a intermodalidade mediante conexións en autobús na estación de burela para conectar co Hospital da Mariña e os institutos.  

Incidencias nos servizos 

Na xuntanza tamén se falou dos investimentos previstos, entre os que destaca a instalación do bloqueo automático (BLAU) entre as estacións de Ortigueira e Ribadeo —con continuación ata Cudillero, xa en Asturias—, o que provocará a desaparición do persoal de circulación das estacións, unha nova localización do apeadeiro de Barreiros e a construción dun apeadeiro á altura da praia das Catedrais.  

Sobre isto último, Suárez sinalou que as xestións co Adif están “bastante estancadas”, polo que CCOO se ofrece a pedir unha reunión coa dirección da empresa para axilizalas. 

CCOO tamén informou o alcalde ribadense sobre as numerosas incidencias que se producen nos servizos ferroviarios, con supresións de liñas e transbordos. Isto débese a que unha parte da frota que se usa ten moita antigüidade, ao tempo que os trens máis novos “sempre deron moitos problemas por deseño de fabricación”, ao que hai que sumar o «deficiente» mantemento pola falta de persoal e repostos. 

Cambios na autovenda 

Outro dos asuntos tratados é a licitación —por parte de Renfe— da substitución das máquinas de autovenda das estacións de Viveiro, Burela e Ribadeo por outras con conexión cun teleoperador. Farao unha empresa externa, o cal implica que non haxa persoal ferroviario de atención comercial presencial en toda a liña, “cuestión que prexudica especialmente aos usuarios de idade avanzada”, advirte o sindicato.