Skip to main content
Comarca AMARIÑAXALugoMonforteSarria

A Deputación colabora coa Peregrinación Xacobea de Special Olympics Galicia

Por 22 Xuño, 2022Sin comentarios

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na presentación do programa de actividades da Peregrinación Xacobea de Special Olympics Galicia, un evento que se desenvolverá entre o 27 de xuño e o 3 de xullo a través dos 7 camiños oficiais, e que o último día incluirá unha xornada de convivencia que partirá do Monte do Gozo para facer a última etapa que rematará cun xantar de confraternización. 

Pablo Rivera subliñou que a Deputación de Lugo, dentro do seu firme compromiso coas políticas sociais, colabora con esta organización de persoas con discapacidade intelectual cunha achega de 8.000€ para facilitar que desenvolvan o seu labor “con iniciativas tan positivas coma esta, na que os participantes compartirán os valores do  Camiño de Santiago, como son o esforzo, a constancia, a vontade de superación, o compañeirismo e o respecto aos demais”.

O Deputado felicitou á organización, pero tamén ás entidades de toda España que participarán no evento “pola súa ilusión e esforzo, e por dar un exemplo de afán por mellorar”, así como aos adestradores, familias, voluntarios e todas aquelas persoas “que fan realidade, día a día, o fermoso proxecto inclusivo de Special Olympics”.

Nesta ocasión reuniranse peregrinos de 16 asociacións das 4 provincias galegas, e tamén doutras 9 entidades procedentes de Murcia, Barcelona e Valencia. 

Entre todas as rutas xacobeas participarán unhas 500 persoas con discapacidade intelectual acompañadas polos seus monitores, adestradores e voluntarios. Da provincia de Lugo participará Prodeme, de Monforte de Lemos, con 49 participantes; Aspanane, de Viveiro, con 14 participantes; Aspnais, de Lugo, con 9 participantes; e San Vicente de Paúl, tamén de Lugo, con 8 participantes. 

Na xornada de convivencia, a do último día, reuniranse preto de 1.000 persoas, das cales preto de 250 persoas serán da provincia con participantes de Prodeme, de Monforte; CAPD, de  Sarria; Aspnais, de Lugo; San Vicente de Paúl, de Lugo; Aspanane, de Viveiro; e San Pablo e San Lázaro, de Mondoñedo. 

Esta peregrinación vén repetíndose dende o Xacobeo de 1992 co fin de favorecer a plena integración das persoas con discapacidade e visibilizar o traballo que promoven neste sentido organizacións como Special Olympics.