Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Entregadas as 22 bandeiras azuis que loce a Mariña

Por 27 Xuño, 2022Sin comentarios

Hoxe foron entregadas as bandeiras azuis que distinguen ás praias e outros recursos turísticos da Mariña aos seus respectivos alcaldes. Segundo o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, son “un premio ao compromiso da comarca co seu patrimonio natural e un recoñecemento ao turismo sustentable e de calidade que impulsa  a Xunta de Galicia”, afirmou.

Arias lembrou que a comarca loce 22 bandeiras azuis, 18 delas en areais e as demais no Barco Museo Reina do Carmen e o Centro de Educación Medioambiental Gaia, ambos en Burela; a carpintería de Ribeira Francisco Fra, en San Cibrao (Cervo), e o porto deportivo de Ribadeo.

A Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) outorga estes distintivos de ámbito mundial en base a criterios de sustentabilidade e de servizos, e un ano máis situou a Galicia como unha referencia en España, que é, á súa vez, o país que concentra o maior número de bandeiras azuis de todo o mundo. En concreto, 1 de cada 5 bandeiras azuis do Estado corresponden a Galicia.

“O coidado do medio ambiente, que nos implica a todos, e o modelo turístico que vimos desenvolvendo dan os seus froitos un ano máis, e quero agradecer especialmente aos veciños e veciñas  e aos concellos a súa contribución para acadar este novo éxito”, sinalou Arias.

O delegado fixo entrega en primeiro lugar das bandeiras azuis en Barreiros, para as praias de Fontela Valea -que a consegue por primeira vez-, Coto e A Pasada, nun acto xunto coa alcaldesa, Ana Ermida. Tamén entregou as de Foz para as praias da Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas e Peizás; a de Xove para o areal de Esteiro, e a de Viveiro para Area. Recolléronas os respectivos alcaldes, Francisco Cajoto, Demetrio Salgueiro e María Loureiro.

Ademais das citadas, obtiveron o recoñecemento en Burela as praias da Marosa, O Portelo e Ril; en Cervo a praia do Torno; en Ribadeo a das Catedrais e Os Castros-Illas; e no Vicedo as de Abrela e Xilloi.

CRITERIOS DE EXCELENCIA

Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis en praias e portos deportivos están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como coa xestión ambiental e a sustentabilidade destes espazos. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.