Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

7 xornadas e 80 persoas fan das Xornadas de Portas Abertas da Mancomunidade todo un éxito

Por 28 Xuño, 2022Sin comentarios

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, coa axuda da Axencia de Turismo de Galicia da Xunta e da Deputación de Lugo para a súa promoción, organizou as IV Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, que nesta edición desenvolvéronse as fins de semana do 17 ao 19 e do 23 ao 26 de xuño e contaron con dúas novidades: unha nova xornada e ruta que discorreu por Ribadeo e un sorteo entre as persoas que participaron como mínimo en 2 das xornadas de 4 premios de experiencias, aloxamento e almorzos nas empresas participantes no proxecto Turismo Slow Norte de Galicia localizadas na Mariña Lucense.

As IV Xornadas de Portas Abertas discorreron por parte dos 7 itinerarios turísticos propostos que conforman as Rutas de Artesanía da Mariña Lucense. Comezaron o venres, 17 de xuño, en Burela coas Redeiras Cabo Burela, o sábado, día 18, foi a quenda de Mondoñedo, coa visita ao taller de monicreques de Ton Arenas e ao alfar Esquina Atlántica e o domingo día 19 a iniciativa chegou a Viveiro coa visita a Otero Regal.

Xa a seguinte semana, o xoves 23 os participantes achegáronse a coñecer o traballo de Francisco Fra no seu asteleiro de carpintería de ribeira, o venres 24 o do ceramista e artista plástico Daniel Caxigueiro, en Foz, o sábado 25 o de Ezequiel Franchi no seu obradoiro de marroquinería fina en Ribadeo e o domingo remataron estas IV xornadas en Riotorto coa visita ao Ferreiro Manuel Alonso Fojaca (MAF). Todas estas visitas aos artesáns estiveron acompañadas de interesantes actividades complementarias en torno a recursos naturais e culturais próximos que os participantes tiveron a oportunidade de desfrutar. 

Nas xornadas, con prazas limitadas, houbo un total de 80 persoas. Algunhas delas participaron en 2 e 3 visitas, sendo deste xeito 54 persoas as que desfrutaron desta experiencia e 22 as que poderán entrar a participar no sorteo que se resolverá o próximo xoves, 30 de xuño, e se anunciará nas redes sociais da Mancomunidade. Para entrar neste era necesario participar en como mínimo dúas das xornadas, tal e como se recolle nas bases do sorteo. A procedencia das persoas foi a habitual nestes catro anos da iniciativa: provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, de Asturias e Madrid, aínda que tamén das Illas Baleares. 

As persoas enquisadas valoraron moi positivamente a iniciativa, outorgándolle unha nota media de 9,9 puntos. O 100% recomendaría a experiencia coa que, da man dos propios artesáns, puideron coñecer en detalle e dunha forma interactiva e amena a historia que hai detrás de cada un deles, o seu proceso de traballo e o taller así como algúns dos principais recursos turísticos dos municipios onde transcorreron as xornadas da man de visitas complementarias. Ademais comprobouse como cada vez as Rutas de Artesanía son mais coñecidas, xa que mais da metade das persoas enquisadas xa escoitaran falar delas. 

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, manifestou que “esta foi unha primeira actuación dentro deste proxecto para este ano. Dende a Mancomunidade imos seguir traballando ao longo deste 2022 cos artesáns e na nova edición da Guía das Rutas de Artesanía, con información actualizada sobre os recursos e artesáns do territorio, unha guía coa que se propón ao visitante afondar no oficio do artesán e desfrutar dos valores naturais, culturais e gastronómicos da localidade onde están situados e o entorno próximo. A día de hoxe é posible consultar a guía en formato dixital en amarinalucense.gal”.