Skip to main content

Os concellos de Begonte, Láncara, Trabada, Monterroso, Ribeira de Piquín, Vilalba, Navia de Suarna, Alfoz, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz acollerán o programa entre o 2 de xullo e o 15 de agosto. 

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou no paseo do río Rato o programa de Actividades Fluviais que a institución provincial ofrecerá de maneira gratuíta en 10 concellos da provincia dende o vindeiro sábado, 2 de xullo, ata o 15 de agosto. No acto tamén participou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto a alcaldes, alcaldesas e representantes municipais das localidades nas que terán lugar estas propostas de lecer. 

A programación, que chega á súa terceira edición, está dirixida a un público familiar, podendo anotarse maiores de 6 anos de idade no propio lugar da actividade ou a través do teléfono 636.504.155. Entre as actividades ofertadas, os participantes poden realizar kaiak, paddle surf ou inchables, ademais doutros xogos nas contornas fluviais. 

Os 10 concellos que acollerán esta proposta de ocio son Begonte, Láncara, Trabada, Monterroso, Ribeira de Piquín, Vilalba, Navia de Suarna e Alfoz, nos que a Deputación xa organizou este programa en anteriores edicións, e A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, que se incorporan este ano.

“Con esta programación de Actividades Fluviais, ofrecemos ós veciños e veciñas do noso rural unha alternativa de ocio activo, ao aire libre, que pon en valor os espazos naturais, e que axuda a dinamizar a vida social e económica dos concellos”, sinalou o mandatario provincial, quen, explicou, ao mesmo tempo “seguimos consolidando un turismo de calidade e sostible, un turismo de experiencias, con capacidade para atraer xente durante todo o ano, que se apoia en elementos tan diversos como o medio ambiente, a gastronomía, a cultura, os monumentos ou mesmo as rodaxes de cine”.

“Manter unha oferta de ocio de calidade continuada é a mellor maneira de respaldar ó sector turístico, á hostalería e ó comercio local, porque todos sabemos que onde hai actividades de lecer, hai consumo, sobre todo no sector servizos”, asegurou o Presidente. Así, engadiu José Tomé, “a mensaxe que lanzamos é moi sinxela: sempre hai un motivo para vir á provincia de Lugo. Para que veñan os de fóra e para que os de aquí nos movamos para coñecer mellor o noso territorio”. 

O presidente lembrou neste sentido que as Actividades Fluviais súmanse a outras propostas que a Deputación de Lugo ten en marcha como o programa de turismo deportivo e de aventura Actívate; o programa Coñece a túa Provincia, do que se beneficiarán esta tempada unhas 3.000 persoas de 135 asociacións, ou tamén o programa Saborea a túa Provincia, unhas xornadas de lecer e gastronómicas que estamos preparando para o mes de agosto. 

CALENDARIO

  • A Fonsagrada – Pena do Inferno – 2 de xullo. De 17 a 20 horas
  • Láncara – Praia fluvial da Pobra de San Xiao – 16 de xullo. De 16 a 19 horas
  • Begonte – Praia fluvial de Begonte – 17 de xullo. De 16 a 19 horas
  • Trabada – Ría de Abres – 23 de xullo. De 11 a 14 horas
  • Monterroso – Área recreativa A Peneda – 24 de xullo. De 16 a 19 horas
  • Ribeira de Piquín – Chao do Pousadoiro – 30 de xullo. De 16 a 19 horas
  • Vilalba – Área recreativa da Madalena – 6 de agosto. De 16:30 a 19:30 horas
  • Navia de Suarna – Praia fluvial da Pobra de Navia – 13 de agosto. De 16 a 19 horas
  • Alfoz – Lugar do Trece (Carballido) – 14 de agosto. De 16 a 19 horas
  • Negueira de Muñiz – Área Recreativa da Veiga – 15 de agosto. De 16 a 19 horas