Skip to main content
CervoCultura AMARIÑAXADeportes AMARIÑAXA

Fernando Fernández e Eugenio Alonso, CD San Ciprián: “Foi un gran logro gañar todos os partidos da tempada“

Por 23 Xuño, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Fernando Fernández e Eugenio Alonso, do CD San Ciprián de tenis de mesa.

O CD  San Ciprián contan cunha sección de tenis de mesa que recentemente ascendeu a Terceira Nacional. Falamos con Fernando Fernández, directivo do CD San Ciprián,  e con Eugenio Alonso, adestrador e xogador.

Como comezou o club e a sección de tenis de mesa?

F.F.: O club foi fundado no ano 1982 e nun principio contaba con varias seccións nas que destacaban as de balonmán e baloncesto tanto de rapaces como de rapazas. Naqueles tempos non había sección de fútbol pois non existía o campo pero co paso dos anos foron creándose máis seccións.

A sección de tenis de mesa do CD San Ciprián comezou a participar en torneos no ano 1993, logo dun longo parón, retomouse a competición no ano 2018 aproveitando que había xogadores nos concellos de Burela e Viveiro e xunto cos nosos, puidemos volver a formar o club chegando a acadar ese ascenso a Terceira Nacional nesta tempada.

Cantos xogadores ten o club?

F.F.: Pois o equipo sénior está formado por 8 xogadores e agora estamos comezando a adestrar a nenos de 6 a 12 anos e serán sobre uns 13 ou 14 nenos. Estes cativos aínda non competiron, farano o ano que ven.

Entón están a formar canteira?

F.F.: Si. O que intentamos e formalos e adestralos para que a sección de tenis de mesa non desapareza outra vez. Se ao final non hai nenos que xoguen non hai relevo xeracional. O que pasa que o tenis de mesa é un deporte co que desfrutan e o pasan moi ben cando son pequenos e ademais custa moito aprender porque non hai categorías para competir xa que é por divisións.

Entón o tenis de mesa non conta con categorías?

F.F.: No tenis de mesa federado xógase por clubs pero para os cativos existe o programa Xogade no que si que se xoga por categorías.

Cales son os obxectivos do club?

F.F.: No tocante aos nenos os nosos obxectivos son os de inculcarlles valores no deporte así como comezar a competir o vindeiro ano no programa Xogade. Eu creo que polo menos con cinco ou seis nenos poderemos arrincar na vindeira tempada 2023. O tenis de mesa require moita práctica pois son moitos movementos repetitivos, non podes xogar un partido se non sabes sacar nin pasar a bóla. Hai certos golpes que son fundamentais neste deporte para ter un mínimo nivel.

A Mariña conta con máis clubs na categoría de Terceira Nacional?

F.F.: Na comarca tan só estamos o Ribadeo, que se mantivo polos pelos na categoría, e nós. Despois nas outras comarcas están Vilalba, Dez Portas e Milagrosa, que este último xogou este ano o play off de ascenso a Superliga.

Que particularidades ten este deporte?

F.F.: As bólas pesan moi pouco e practicamente hai que rozalas para golpealas e que collan efecto. Hai xogadores que xogan con diferentes pas, diferentes gomas para que amortecen máis ou que teñen picos para darlle efecto á pelota.

Recentemente ascenderon a Terceira Nacional, como se vive ese momento?

E.A.: Pois estamos moi contentos a verdade. O noso obxectivo durante toda a tempada era ascender, e a falta de tres xornadas xa eramos campións de liga. Foi un gran logro porque gañamos os 18 partidos da tempada.

Como será a competición a partir de agora?

E.A.: Pois en principio xogaremos no grupo Norte con equipos de Ferrol, Narón, Zas, etc. Pero cada ano cambian un pouco a división dos tres grupos Norte, Centro e Sur, así que cando comece a tempada veremos.

Algún campionato ou algún partido en especial?

E.A.: Quizais o que máis lembro son os dous partidos que xogamos nesta tempada contra o Breogán Oleiros, que eran os nosos rivais directos. Foron partidos importantes e o último, no que xogabamos polo ascenso foi contra eles facendo un 4-0.

Como son os adestramentos?

E.A.: Pois adestramos 3 días á semana durante 1 hora e media cada día, e o primeiro que facemos é un pouco de quentamentos previo por parellas, un pouco de peloteo básico para comezar e despois algún exercicio máis específico e xa enfocado á mellora dos puntos fracos de cada xogador.

Ping pong ou tenis de mesa?

E.A.: O ping pong é o que se refire ao que antigamente se practicaba como un xogo de lecer, mentres que o tenis de mesa é o deporte en si. Pero unha cousa é pasar un rato xogando ao ping pong e outra moi diferente e xogar ao tenis de mesa onde xa tes que facer golpes e ter técnica.

Algún consello para os futuros  xogadores?

E.A.: O noso consello é que se acheguen a probar o tenis de mesa pois é un deporte moi descoñecido. Tamén lles dicimos que somos un club moi familiar e que poden achegarse a ver e desfrutar dalgún partido pois son gratuítos e xóganse, no noso caso, os domingos ás 11.00 horas.