Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

A merluza de Burela conquista os mercados de Barcelona

Por 3 Xuño, 2022Sin comentarios

Tralo éxito das súas últimas accións en Madrid, a  campaña de Merluza D& Burela chega á cidade condal  para difundir a calidade do produto nos buses que levan  ás prazas de abastos.

Merluza D& Burela desembarca en Barcelona disposta a conquistar o padal dos seus habitantes a base de calidade coa campaña campaña Merluza a Merluza, que desde mediados de maio adorna as traseiras e laterais dos  autobuses das liñas que levan aos principais mercados e peixarías da cidade  condal. 

O obxectivo desta nova campaña lanzada desde a Organización de  Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, que se desenvolve ata finais do  mes de xuño, é chegar aos puntos de compra máis tradicionais de Barcelona,  como as prazas de abastos e as peixarías toda a vida, a través dun circuíto de 20 autobuses que encherán a cidade con gráficas que reflicten as  bondades deste produto da lonxa de Burela. 

Algúns dos mercados máis relevantes da cidade, entre eles a Boquería, Sant  Antoni e Santa Caterina, forman parte do roteiro, formado por un total de 23  prazas de abastos e mercados. 

Desde a Organización de Produtores do Porto de Burela consideran que  “Barcelona é un dos principais mercados de interese na nosa estratexia de  comunicación e promoción nacional para seguir consolidando a imaxe de  marca de Merluza D& Burela”

Con esta nova campaña de promoción da súa pescada do pincho, a OPP-7  Burela enxalza unha vez máis a calidade excepcional do produto, poñendo o  foco no traballo, esforzo e compromiso que hai detrás de cada peza  capturada artesanalmente: “Onda a onda, barco a barco, pescando unha a  unha cada unha das nosas pescadas”. O conxunto de mensaxes da campaña de Merluza D& Burela enxalza as calidades deste peixe que se captura con  artes propias da pesca sostible porque “é do pincho e é de calidade”. 

A campaña, que chega a Barcelona tra-lo éxito alcanzado en Madrid, onde  conseguiu chegar a máis dun millón de usuarios, alcanzando a un 72% do  seu ‘target’ de responsables de compra no fogar; compleméntase cunha  estratexia de pantallas dixitais situadas en lugares públicos de alta afluencia  para impactar en momentos e horas distintas. 

Precisamente a calidade é clave nunha campaña onde, ademais dos  mercados tradicionais, outro gran punto de interese son as peixarías de barrio, xa que é aí onde se atopa o consumidor informado e esixente que pide  e compra calidade. 

Esta campaña da Organización de Produtores Pesqueiros Porto de Burela  inclúese no seu plan de produción e comercialización, realízase en  colaboración con Armadores de Burela e está cofinanciada pola Xunta de  Galicia e o FEMP.