Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

O rexedor de Burela fala sobre a polémica da embarcación de salvamento A Carmela

Por 29 Xuño, 2022Sin comentarios

O rexedor de Burela aclarou esta polémica logo de recibir interpelacións pola retirada  da embarcación de salvamento do peirao.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, sae ao paso das acusacións vertidas sobre o concello polo despezamento e retirada da  embarcación Carmela do peirao burelés por razóns de seguridade. O rexedor  aclarou como se produciu a situación desde que o barco de salvamento  marítimo da Cruz Vermella se instalou no Porto de Burela e respondeu ante as  afirmacións que responsabilizan ao Concello de non ter mediado para evitar  este final. 

A embarcación Carmela chegou ás costas de Burela tras unha solicitude por  parte da Cruz Vermella a Portos de Galicia na que piden instalala no peirao,  mantendo á marxe ao Concello. “Naquel momento, Portos e Cruz Vermella  acordan as condicións sen contar en ningún momento co concello, e entre  outras cousas, son os voluntarios da Cruz Vermella os que realizan as tarefas  de mantemento”, explica Llano, facendo fincapé en que o concello “non se  comprometeu con nada porque non o fixeron tampouco partícipe de ningún  acordo”.  

Co paso do tempo “deixouse de facer ese mantemento polo motivo que sexa”,  de forma que estivo exposto “sen que ninguén tivese en conta que o tempo  remataría por poñer a lancha nunha situación de deterioro moi difícil de salvar”.  Chegados a este punto, Portos comunica a súa intención de desfacerse do  barco cunha proposta de desguace e retirada a Cruz Vermella, “aproveitando a  conxuntura para, agora si, involucrar ao concello nun asunto no que non se lle  dera nin voz nin voto”, subliña o alcalde. 

No momento no que se solicita a intermediación do ente local por parte de Cruz  Vermella, “o barco xa estaba case desahuciado, pero aínda así solicitamos aos  GALP un proxecto para tratar de recuperalo, cuestión que ten que pasar polos  seus procesos e tempos e que era totalmente imposible para este ano”.  

Alfredo Llano insistiu na premisa de que “o Concello non tiña vínculo de ningún  tipo con esta cuestión, e que Portos tivo posibilidades de manter ben o barco, e  non culpabilizarnos cando xa está practicamente sen solución”, engadindo que  este comportamento “é un intento á desesperada de botar balóns fóra e eludir  responsabilidades cando un asunto se pon feo”. “Agora todo o mundo sinala ao  Concello, pero hai que explicar ben as cousas porque moitas das opinións  parten dun descoñecemento da situación; non é que non queramos asumir  responsabilidades, é que nunca se nos deron nin as tivemos”.