Skip to main content
Alfoz

O Concello de Alfoz prepara un ano máis un campamento de verán

Por 26 Xuño, 2022Xuño 27th, 2022Sin comentarios

O Concello de Alfoz vén de preparar un ano máis un campamento de verán para os máis pequenos e que se desenvolverá do 19 ao 21 de xullo. O período de inscrición abrirase o luns 4 de xullo e pechará o 11 de xullo e poderanse consultar as bases aquí.

A duración será desde as 17.00 horas do 19 de xullo ata as 19.00 horas do 21 e os participantes deberán asistir por conta propia ata o lugar de realización que será no CEIP Castro de Ouro para a entrada o primeiro día, así como no caso do remate. 

O campamento inclúe os correspondentes almorzos, xantares, merendas e ceas, así como durmir nos tipis as noites do 19 e 20 de xullo.

Utilizaranse as instalacións do pavillón municipal de Alfoz para o aseo, así como espazo para as comidas e, de ser necesario, tamén para algunha das actividades de lecer.

O lugar de realización será a zona axardinada do CEIP Castro de Ouro de Alfoz situada ao lado do pavillón e fronte da piscina municipal.

As distintas actividades realizaranse en exterior tanto no espazo do CEIP coma noutros coma na Área Recreativa do Río Ouro no caso dos kaiaks e xogos de auga, a piscina municipal, a contorna do Castelo de Castrodouro, etc.

Cada participante deberá levar 1 ou 2 pares de zapatillas de deporte, 1 par de chanclas, roupa interior para cada día, 1 par de calcetíns para cada día, 1 sudadeira/xersei de abrigo, 1 impermeable, gorra para o sol, camisetas, pantalóns,…bañador, 1 toalla (piscina-kaiaks…) e 1 toalla ducha, pixama ou similar, mochila pequena para excursións, saco de durmir e esterilla, lanterna e cantimplora ou botella para auga, bolsa de lixo para a roupa sucia, útiles de aseo persoal: champú, xel, cepillo e pasta de dentes, peine, … protector solar e repelente de mosquitos se o consideran necesario. Non se poderá levar videoconsolas, mp3, tablets, aparellos eléctricos e/ou obxectos de valor.

As inscricións entregaranse na Oficina de Rexistro do Concello presencialmente o por Sede Electrónica, quedando constancia da data e hora da mesma e da cal se entregará copia.

No caso de menores de idade, a inscrición deberá cumprimentarse tamén cos datos do pai/nai ou titor/a legal do menor e asinala. Os maiores de idade cumprimentarán a inscrición no seu propio nome.  É necesario que os/as participantes saiban nadar, do cal se deixará constancia na folla de inscrición.