Skip to main content
Burela

O PP de Burela condena “o lamentable aspecto de beirarrúas”

Por 14 Xuño, 2022Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Burela condena “o lamentable aspecto de beirarrúas e moitas zonas públicas municipais que se atoparon os visitantes e asistentes ás festas patronais”. E máis tendo en conta que “os veciños e veciñas están a pagar o contrato de recollida do lixo e limpeza viaria máis caro da historia de Burela”.

O voceiro, Manuel Rouco, considera “moi triste” que para as festas, “uns días nos que a afluencia de xente é masiva á nosa vila, os concelleiros do goberno local sexan incapaces de poñerse en modo traballo e se vexan incapaces de dar unha imaxe aceptable da nosa vila”.

A mala imaxe da vila puido comprobarse, por exemplo, no acceso a Burela dende o veciño concello de Cervo, onde as beirarrúas estaban sen rozar. Rouco tamén cita “o barrio dos Castros, sobre o que precisamente o Grupo Municipal lle recriminara ao goberno local no pleno da semana anterior ás festas que non se lembrara de adecentalo como se merece”. Outro exemplo é “o acceso á área xeolóxica que se atopa preto do porto e onde a altura da maleza desafía aos aguerridos usuarios que traten de chegar a ela”.

“Por máis denuncias públicas das que o noso grupo se faga eco, o goberno do señor Llano vese desbordado totalmente pola situación”, sinala o popular. E pregúntase “se lle fai pagar o contrato de recollida do lixo e limpeza viaria máis caro da historia de Burela aos veciños e veciñas da nosa vila para aguantaren esta situación”.

“Dende o Partido Popular de Burela non alcanzamos a entender por que este goberno, do que son responsables todos os que o sustentan, se empeña en seguir dilapidando os cartos de toda a veciñanza”, considera Rouco.