Skip to main content
Burela

O Concello de Burela aprobou os orzamentos do 2022 coa abstención do BNG

Por 9 Xuño, 2022Xuño 16th, 2022Sin comentarios

O Concello de Burela aprobou no Pleno celebrado a semana pasada os orzamentos para este ano e que ascenden a 7.778.000 euros e que se incrementan nun 10% aos do ano pasado.

Estes orzamentos foron posibles coa abstención do BNG e coas críticas do PP e o alcalde, Alfredo Llano, asegurou que se “volven destinar a atender ben os servizos e as necesidades da veciñanza.

No tocante ás diferentes aprtidas, 3.132.000 euros son para a partida de persoal, 3.643.000 euros para o gasto corrente que se incrementou en 400.000 euros para facer fronte á suba da enerxía e materias primas, e 223.872 euros para inversións reais.

Ademais, inclúense 52.000 euros para o fondo de continxencia, 120.000 a axudas a colectivos locais, festas e eventos.

No capítulo de ingresos 2.533.000 euros foron recadados directamente, 55.000 indirecta e 1.483.000 a través das diferentes tasas. As aportacións de outras administracións foron de 3.566.000 euros.

Pola súa banda o Grupo Municipal Popular de Burela votou en contra da aprobación dos orzamentos municipais para o 2022 que o goberno local levou ao pleno “por fin”. O voceiro popular explica que se trata duns “orzamentos irreais porque calcan a estimación de ingresos do ano pasado no que o goberno local gastou máis do que ingresou. A desviación da relación ingresos-gastos foi superior aos 700.000 euros. É dicir, o goberno local recadou 700.000 euros menos do que esperaba; dando lugar a un balance negativo no exercicio 2021. E este ano volve pola mesma senda, desbordando un optimismo esaxerado as súas previsións e poñendo en serio perigo as xa de por si escasas arcas municipais”.