Skip to main content
BurelaChantadaSarria

Tres concellos lucenses incrementaron nun 10% a reciclaxe de plásticos, latas e bricks

Por 29 Xuño, 2022Sin comentarios

As 73.000 toneladas recollidas o ano pasado nos contedores amarelo e azul manteñen a tendencia de incremento da reciclaxe dos últimos cinco anos.

Os concellos de Burela, Chantada e Sarria lograron o obxectivo de incrementar nun 10% a reciclaxe de plásticos, latas e bricks con respecto a 2021, no marco da campaña Únete ao reto.

Así, na terceira edición desta iniciativa, impulsada pola Xunta co apoio de Ecoembes, foron 8 dos 13 municipios convidados os que acadaron ese reto -Ordes, Burela, Chantada, Sarria, Verín, Cangas, Moaña e Bueu-. Cada un deles recibiu un premio de 2.000 euros para destinar a unha causa social da súa elección. 

Durante a entrega de premios celebrada en Chantada, Sagrario Pérez puxo en valor o compromiso das entidades locais con esta campaña e o seu esforzo para aumentar as súas aportacións de latas, briks e envases de plásticos nun 10%, como mínimo, en comparación co mesmo período do ano anterior. Así, desde o 1 de febreiro ata o 30 de abril cada concello participante contou cun amplo programa de accións a pé de rúa, ademais dunha campaña de comunicación en medios, publicidade exterior e redes sociais co obxectivo de axudalos a activar e concienciar á veciñanza.

A maiores, a directora xeral subliñou que as 73.000 toneladas recollidas o ano pasado nos contedores amarelo e azul manteñen a tendencia de incremento da reciclaxe dos últimos cinco anos. Esta corrente positiva enmárcase no traballo conxunto desenvolvido pola Xunta, os concellos e Ecoembes para mellorar o depósito, a recollida e a posterior recuperación deste tipo de residuos.

Nesa liña, Sagrario Pérez eloxiou a participación de entidades locais en iniciativas como esta para mellorar a reciclaxe de envases no contedor amarelo e, tamén, para concienciar á cidadanía da importancia de continuar a separar correctamente os residuos domésticos.