Skip to main content
Cervo

Cervo vai acometer unha renovación integral da sinalización de todo o termo municipal

Por 19 Xuño, 2022Sin comentarios

A administación local investirá 115.300 euros do remanente de tesourería na renovación integral da sinalización de todo o termo municipal. Tamén se contempla a mellora e acondicionamento do camiño  que transcorre polo núcleo de Abrigo, en Rúa.

O Concello de Cervo vai acometer unha renovación integral da sinalización de todo o termo municipal “que afectará ao conxunto dos núcleos de poboación e aos diferentes indicativos direccionais do municipio”.

Así o anunciou o rexedor, Alfonso Villares, que avanzou que o orzamento para esta actuación supera os 115.000 euros (115.301,72 euros concretamente); procedentes todos eles das arcas municipais, do remanente de tesourería que nos permite afrontar este investimento grazas á xestión rigorosa das contas públicas.

O orzamento inclúe a fabricación, subministro, instalación e montaxe da sinalización direccional e das placas cos nomes dos diferentes núcleos de poboación, incluíndo a retirada e o relevo dos elementos antigos.

Tal e como subliña Villares, con esta iniciativa o que pretendemos é homoxeneizar a imaxe do Concello, reforzando a identidade de Cervo, como un todo; tamén a nivel turístico para que cada recuncho quede perfectamente identificado”.

Todos os elementos, evidentemente, estarán construídos con materiais altamente resistentes aos axentes meteorolóxicos, de alta calidade de forma que garantan a súa durabilidade e faciliten o seu posterior mantemento.

Por outra banda o rexedor, explicou, que outra das actuacións que se van executar con fondos do remanente de tesourería será a mellora e acondicionamento dun camiño que transcorre polo núcleo de Abrigo, na parroquia de Rúa, que dá acceso a diferentes fincas da zona; por un importe de 26.550 euros.

O proxecto contempla a ampliación do ancho do camiño, de maneira que se facilite o acceso ás fincas localizadas nesa zona. Levantarase, tamén, un muro de dique para a contención da estrada, de 25m de largo e 2,5m de ancho, e así estabilizar o noiro existente. Levarase a cabo – tamén – unha pavimentación da vía mediante a extensión e compactado dunha capa de xabre.

Con esta obra –subliñou Villares- “incrementamos as infraestruturas básicas e melloramos a accesibilidade dunha zona rural do noso municipio, dando un paso máis na procura do obxectivo de equilibrar a balanza de servizos básicos entre as zonas urbanas e rurais, facilitando que para a nosa veciñanza sexa igual de atractivo vivir nun sitio que noutro”.

Ademais, no pleno extraordinario que se celebrará a vindeira semana, tamén se aprobará un suplemento de crédito de 250.000 euros para a execución do paseo peonil de Sargadelos “dado que o orzamento previsto foi actualizado e viuse incrementado ata os 749.946,51 euros pola situación de mercado actual ante a suba do prezo das materias primas; así como pola maior presión ocasionada nos costes de produción pola guerra de Ucraína, debido ao peche da actividade de importantes produtores de materiais de construción”.

Coa execución desta senda peonil o que se pretende é comunicar a Antiga Real Fábrica de Fundición de Sargadelos coa actual Fábrica de cerámica; “dous puntos neurálxicos do municipio”.

O obxectivo principal desta actuación é  separar o tráfico peonil do rodado, o que supón unha remodelación integral da vía, establecendo unha nova cuneta de formigón cos seus respectivos desaugues e cruces da vía.

Tamén se vai a renovar a rede de abastecemento de auga, propiciando a conexión coa actual fábrica de Sargadelos.

Establecerase – ademais – unha rede de alumeado público, respectuosa coa paisaxe, entre os dous puntos, executando as canalizacións, o cableado e as luminarias precisas para ofrecer este servizo. Por último, soterrarase o cableado existente na actualidade da rede de telefonía e renovarase a pavimentación dos tramos afectados pola obra.

Villares destacou a magnitude desta obra “que incrementará, máis se cabe, o atractivo desta zona que, lembremos, comunica dous emprazamentos declarados Ben de Interese Cultural”.

Polo tanto estamos a falar –engadiu- dunha actuación en prol do patrimonio do noso Concello, que contribuirá a dar seguridade e a revalorizar toda esa contorna que ano tras anos gaña visitantes atraídos pola súa enorme riqueza histórica e natural”.