Skip to main content
Foz

O Cenima de Foz acolle unha exposición sobre Patrimonio Marítimo

Por 3 Xuño, 2022Xuño 17th, 2022Sin comentarios

O Concello de Foz quere conmemorar o día Mundial do Medio Ambiente e o Día Mundial dos Océanos este mes de xuño coa exposición da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Esta exposición cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, pon de relevo os valores ambientais e patrimoniais do mar. A exposición estará no Cenima entre o 1 e o  17 de xuño.

O mar é algo máis que reserva de peixe ou vía de comunicación. Así, nas aceas, a auga déixase canalizar ata os rodicios para aproveitar as marés. O mar é lugar de tráfico, de intercambio, de comercio.

É tamén un espazo susceptible de balizar, de vixiar, de protexer. Daquela, foron levantadas fortalezas para defender a beiramar para eventuais agresores; fachos, luces e faros alumearon para clarear as singraduras dos navíos. Existe, xa que logo, as que se deron en chamar “xentes do mar”, que abranguen todas as angueiras relacionadas co medio mariño.

Dentro da súa diversidade, teñen regras e leis propias; as súas tradicións e o seu saber-facer. Ao cabo dos séculos, esta sorte de confraría teceu o seu universo deixando acá e acolá pegadas, discretas ou rechamantes, do seu devir: arquitecturas con ou sen arquitectos (quer dicir, edificios de orixe civil, militar ou popular); as cousas; utensilios; barcos; imaxes; técnicas; toponimias; fala;… Este conxunto, que ben puideramos rotular como Patrimonio Marítimo, compón un verdadeiro tesouro con múltiples alfaias, naturais ou non case todas ameazadas ao día de hoxe.