Skip to main content
FozLugoMonforteSarriaVilalbaViveiro

A Deputación levará a 6 concellos unha mostra sobre a inserción laboral das persoas con discapacidade

Por 9 Xuño, 2022Sin comentarios

Esta exposición fotográfica, que impulsa a institución provincial en colaboración con Cegasal e que estará composta por 24 imaxes, percorrerá as localidades de Lugo, Monforte de Lemos, Sarria, Viveiro, Foz e Vilalba, entre mediados de xuño e setembro.

A Deputación de Lugo levará a seis concellos da provincia a mostra Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas sobre a inserción laboral das persoas con discapacidade. Así o anunciou este mércores a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, na presentación desta iniciativa itinerante que tivo lugar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, onde estivo acompañada polo presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais sen Ánimo de Lucro (Cegasal), José Antonio Vázquez Freire.

A exposición estará composta por 24 imaxes do fotógrafo coruñés Diego Silva, que amosa a capacidade laboral das persoas con discapacidade e que percorrerá os concellos de Monforte de Lemos, Sarria, Viveiro, Foz, Vilalba e Lugo entre mediados do mes de xuño e setembro. Coincidindo coa última parada desta mostra, que terá lugar no Pazo de San Marcos, haberá tamén unha xornada de formación sobre os Centros Especiais de Emprego que será aberta á cidadanía.

“Con esta iniciativa, dende a Deputación pretendemos poñer en valor o traballo que desenvolven as persoas con discapacidade nas empresas. Cremos que un aspecto moi importante para lograr unha inclusión plena das persoas con discapacidade é lograr a súa inserción laboral en igualdade de condicións. Por iso, esta exposición fomenta a sensibilización e a concienciación sobre esta realidade”, sinalou García Porto.

A Deputada remarcou que “estes traballadores e traballadoras son un exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial inclusiva, que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico”. Engadiu que para a Deputación “é unha honra acoller esta iniciativa e levala pola provincia” porque a mostra “pon o foco nas súas capacidades”.

Destacou que o traballo de Cegasal “concorda plenamente coas políticas sociais que desenvolvemos dende a Deputación de Lugo, para dar visibilidade e para mellorar a calidade de vida e a integración a todos os niveis das persoas con discapacidade”. Porque tal e como apuntou García Porto, “as políticas sociais son xa unha sinal de identidade desta institución, e noso compromiso neste sentido, moitas veces suplindo as responsabilidades doutras administracións, visualízase ben nas cifras dos Orzamentos, dos que dedicamos máis dun terzo -34M€- a este tipo de políticas”.

Neste sentido, a Deputada apuntou que “promovemos numerosas accións en materia de políticas sociais, ben de maneira directa, ou ben a través dunha ampla colaboración cos concellos e co tecido asociativo, o que consideramos vital para avanzar cara a igualdade de oportunidades”.

Pola súa banda Vázquez Freire, agradeceu á Deputación a sensibilidade e colaboración á hora de impulsar e albergar esta exposición, e detallou os problemas aos que se enfrontan as persoas con capacidades diferentes á hora de atopar o seu primeiro emprego. “É un orgullo e unha satisfacción a relación que temos coa Deputación de Lugo, porque non é o normal. É moi difícil que as administracións locais e provinciais nos poñan todas as facilidades e este Goberno provincial entendeuno perfectamente”.

Cegasal

Cegasal, a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro, é unha organización que se constituíu en Galicia en 1997 co obxectivo de fomentar o emprego de calidade para as persoas con discapacidade e risco de exclusión social. Agora mesmo, Cegasal conta con 35 centros especiais de emprego asociados, isto é, empresas de titularidade privada nas que a lo menos o 70% do cadro de persoal está conformado por traballadores e traballadoras con discapacidade. No seu conxunto facturan uns 44M€ anuais.

Na provincia de Lugo, Cegasal conta con dous centros especiais de emprego, Grafinco e

Productores de Carne da Ribeira Sacra, que dan emprego a preto dunha veintena de persoas con capacidades diferentes.