Skip to main content
Foz

Foz prepárase para o verán coa convocatoria de 36 novas prazas de emprego

Por 16 Xuño, 2022Sin comentarios

O Concello de Foz prepárase para o verán coa convocatoria de 36 novas prazas de emprego. O alcalde, Fran Cajoto, explica que “nunha tempada estival na que se prevé bater récords o Concello de Foz fai os deberes para reforzar os servizos municipais e manter un servizo público de calidade”.

O rexedor municipal engade: “prevese un verán con moitos visitantes e iso implica un sobre esforzo para que o Concello funcione. É a nosa obriga reforzar os cadros de persoal e estamos a facelo naqueles sectores nos que é máis necesario. Ademais do aumento do plantel para tarefas de desbroce, xardinería, obras e outros, que xa se fixo en abril e que continúan a traballar, neste mes de xuño ofértanse 35 novas prazas de emprego ademais da incorporación dun novo axente de seguridade. Para o servizo de socorrismo está previsto incorporar a 21 persoas, divididas en 6 socorristas e un xefe de salvamento financiados polo Concello e 6 socorristas financiados pola Xunta, que farán as probas este venres, ademais de 6 auxiliares de praias e 2 técnicos sanitarios con prazo de presentación de instancias ata o 22 ou o 23 de xuño, segundo os casos. Para o servizo de limpeza de rúas prevese incorporar 5 operarios a través das axudas para a contratación temporal de persoas en risco de exclusión social e 3 operarios máis financiados polo Concello, con prazo de presentación de solicitudes ata o 23 de xuño. Ademais, a área de Medioambiente, que dirixe Francisco Fanego, prevé incorporar 2 operarios para a recollida de lixo, con data de instancias ata o 27 de xuño. En poucos días publicarase tamén a convocatoria para dous auxiliares de turismo que axuden á técnico nas tarefas propias da Oficina de Turismo e unha bolsa de emprego para cubrir dúas baixas médicas temporais no servizo de obras. Ademais vaise incorporar este verán un novo policía local en prácticas ata completar os 9 que marca a RPT. Impórtanos moito a seguridade, nese sentido teño que agradecer tamén a boa disposición da Garda Civil e a coordinación entre as dúas forzas de seguridade”.

Fran Cajoto destaca que “o Concello de Foz fai un esforzo moi importante para atender unha poboación de 30.000 habitantes, cando hai 10.200 censados. Por iso pedimos tamén o esforzo doutras administracións: non é normal que a Xunta de Galicia non reforce o persoal do Centro de Saúde cando precisamente temos máis poboación e cando o persoal habitual soe desfrutar as vacacións ás que ten dereito. Os concellos con tanta estacionalidade deberiamos ser compensados, non castigados”.