Skip to main content
Ribadeo

Por Nuestro Faro fala sobre a Bandeira Negra da Illa Pancha

Por 23 Xuño, 2022Sin comentarios

A confederación de grupos ecoloxistas de España coñecida co nome de Ecoloxistas en Acción presentou o informe Bandeiras Negras 2022. no que publicaron as 48 bandeiras do litoral español e nas que a provincia de Lugo destacan a Illa Pancha, no Concello de Ribadeo e a Praia de Arealonga, no Concello de San Cosme de Barreiros.

Segundo a asociación de veciños Por Nuestro Faro, “nese informe, 22 páxinas están dedicadas a Galicia, das cales, nada menos que catro foron destinadas a explicar exclusivamente a situación da illa Pancha. O motivo para esta deshonrosa distinción é, en palabras de Ecoloxistas en Acción, a mala xestión ambiental, en concreto, a falta de estudo de impacto ambiental malia as figuras de protección coas que conta ríaa de Ribadeo: Zona Especial de Conservación ‘Río Eo’, ZEC E1120002, Humedal Protexido ‘Ría de Ribadeo’, Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) ‘Río Eo’ e ‘Ribadeo’, Zona Húmida de Importancia Internacional (Convenio Ramsar) «Ría do Eo» e Zona de Especial Protección das Aves, ZEPA E0000085″.

A confederación ecologista lembra que o Defensor do Pobo pedira un estudo de impacto ambiental e que finalmente Puertos de Ferrol-San Cibrao comprometeuse a esixirllo á empresa concesionaria, pero “nunca chegou a cumprir tal esixencia”. Doutra banda, o Concello de Ribadeo “tampouco tiña expresado ningún reparo nin efectuado ningunha reclamación respecto diso”, din dende o colectivo.

O informe de Ecoloxistas en Acción sinala “á Autoridade Portuaria e ao Concello como as institucións responsables da actual situación en Illa Pancha. Nos antecedentes deste caso subliñan permanentemente as decisións e as evasivas de Puertos, así como as licenzas e silencios do Concello de Ribadeo, claves en todo o proceso. Tamén repasa a historia da actividade da Asociación Por Nuestro Faro, o seu compromiso co patrimonio e o medio ambiente fronte ás irregularidades na tramitación do expediente para o uso privado e turístico da illa”.

O informe lembra tamén a opacidade fronte a certos problemas, por exemplo a falta de información con respecto aos vertidos á Ría de Ribadeo. Lembremos que se descoñece o sistema de evacuación, dado que a illa Pancha conta cunha fosa séptica a día de hoxe sen legalizar, con todo o que iso supón, sen que de portas para fóra os ribadenses poidan imaxinarse a xestión dos residuos.

Para rematar, o informe achega a solución para mellorar esta situación:

Solucións ou propostas de mellora: Revisión do expediente completo de concesión, realización dos estudos preceptivos e reevaluación das solicitudes de licenza das dúas actividades. Restitución inmediata do dereito de libre acceso do público á Illa Pancha. Suspensión da eficacia das licenzas de actividade por parte do concello de Ribadeo mentres non se cumpra o anterior, por afectar non só ao impacto ambiental e ao dereito de acceso senón tamén á seguridade dos usuarios e usuarias en caso de urxencia”.

“Só nos queda dicir que Por Nuestro Faro seguirá de cerca os esforzos das institucións por corrixir a situación que levamos 7 anos denunciando”, rematan dicindo dende Por Nuestro Faro.