Skip to main content
Trabada

Trabada lidera o primeiro Índice de Desenvolvemento Rural Sostible de Galicia

Por 3 Xuño, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Trabada reivindica na Comisión de Despoboación da Femp en Cáceres “a importancia duns servizos públicos de calidade no rural”.

A alcaldesa do Concello de Trabada, Mayra García Bermúdez, reivindicou en Cáceres “a importancia duns servizos públicos de calidade no rural”, poñendo en valor iniciativas do Ministerio de Reto Demográfico “como o Campus Rural ou os programas de axudas, tanto para administracións como para entidades sen ánimo de lucro ou empresas para levar a cabo proxectos transversais no rural”. 

García Bermúdez participa na Comisión de Despoboación e Reto Demográfico da Federación Española de Municipios y Provincias (Femp), que se celebra no municipio extremeño.

“É preciso que as comunidades autónomas se impliquen, vimos de lograr no seno da Fegamp un acordo coa Consellería de Política social para incrementar o que nos abona a Xunta por hora no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), pero os concellos seguimos aportando fondos propios para atender aos nosos maiores, mentres vemos como a Xunta dilapida 4,5 millons de euros no aluguer de autobuses para o programa ‘Porta a Porta’”, apunta a alcaldesa.

Mayra García Bermúdez defendeu as actividades do sector primario e incidiu en que os concellos precisan unha maior cooperación e un maior financiamento doutras administracións, especialmente das comunidades autónomas, para prestar “uns bos servizos aos nosos veciños e veciñas”, posto que as comunidades autónomas reciben directamente do Estado mediante convenios fondos europeos do Programa de Recuperación e Resiliencia do Goberno de España. 

A alcaldesa repasou as infraestruturas postas en marcha polo goberno local de Trabada. Entre elas, “unha residencia de maiores pública, un punto de atención á infancia, servicio de transporte gratuíto para os maiores, programas de envellecemento activo nas parroquias, programas de conciliación laboral, programa de madrugadores, todas eles con escasa ou nula participación económica da Xunta de Galicia e financiadas con fondos propios do Concello e coa cooperación da Deputación de Lugo”, lembrou. 

DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

As economistas María Celia López Penabad e Ana Iglesias Casal, da Universidade de Santiago (USC), e Lucía Rey Ares, da Universidade da Coruña (UDC), veñen de presentar un Índice de Desenvolvemento Sostible entre os 114 concellos rurais de Galicia.

Trabada lidera o índice, grazas aos esforzos dos últimos anos desde o concello por mellorar servizos como a educación, a sanidade, a atención aos maiores e o servizo de axuda no fogar.

As economistas destacan que é o “primeiro índice de desenvolvemento rural sostible que se aplica a Galicia” para “determinar que factores esóxenos inflúen nel”.

O índice construíuse en base a catro dimensións: demográfica, social, económica e ambiental. A análise comparativa do índice de desenvolvemento rural sostible permitiu avaliar a situación de cada concello rural (localidades con menos de 2.000 habitantes).

As variables sociais (nos que incluíron centros docentes non universitarios, número de médicos de atención primaria e horas de servizo de axuda no fogar) son, en xeral, as responsables das maiores diferenzas dos concellos neste índice.