Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro avanza no proxecto de rehabilitación da rúa do Porto en Celeiro

Por 16 Xuño, 2022Xuño 17th, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e o 1º tenente de alcaldesa e concelleiro do Mar, Jesús Fernández Fernández, mantiveron unha reunión de traballo co Patrón Maior da Cofradía de Pescadores de Celeiro, Domingo Rey, e co Secretario da mesma, Máximo Díaz. 

A xuntanza tiña como obxectivo avanzar no proxecto de rehabilitación da rúa do Porto en Celeiro. Por parte do Concello tamén estivo presente o arquitecto de obras municipais, Santiago Meitín.

Nesta reunión, o Concello de Viveiro mostroulles aos representantes do sector pesqueiro de Celeiro o anteproxecto elaborado para a humanización da rúa do Porto. 

Esta necesaria obra xa estaba incluída no programa de goberno. Os traballos  inclúen a reposición de servizos, como o abastecemento de auga, canalización da rede eléctrica ou a reposición da rede de saneamento, así como a mellora das beirarrúas. 

A obra tamén inclúe a reestruturación das zonas de estacionamento ou dotación de mobiliario urbano, como bancos, xardineiras, vexetación ornamental, entre outras cuestións. 

Trátase dun proxecto cun custe económico importante, que abarca unha zona moi ampla, que implica o tramo dende a Praza do Náufrago ata a Casa do Gardapeiraos. 

O goberno local promove este proxecto coa intención de realizar unha rexeneración integral de toda a fronte marítima de Celeiro, para o que será imprescindible a colaboración doutras administracións, principalmente de Portos de Galicia.