Skip to main content
Deportes AMARIÑAXAViveiro

Viveiro reivindica ás mulleres surfistas

Por 23 Xuño, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro comezou onte coa primeira cita do proxecto O deporte non ten xénero, unha iniciativa impulsada pola concellería de Muller en colaboración co Centro de Información á Muller. A proposta busca achegar ás mulleres a distintos deportes mediante charlas e clases deportivas gratuítas.

Esta primeira cita do programa centrouse no surf, de modo que na tarde de onte, a sala multiusos do Concello de Viveiro recibiu ás deportistas Claudia Prieto e Lucía Martínez. Ambas compartiron a súa exitosa experiencia neste deporte co público asistente. 

Dende o Concello de Viveiro celébrase a alta asistencia ao encontro, que permitiu dar visibilidade a estas dúas rapazas cuxos éxitos reivindican o deporte feminino e o talento viveirense. 

Como continuación da actividade, hoxe, 23 de xuño, 25 mulleres gozarán dunha clase de surf gratuíta. A sesión busca achegar este deporte ao público feminino. 

“Con este tipo de iniciativas damos visibilidade ás mulleres deportistas, acurtando o camiño que nos queda por percorrer en materia de igualdade en eidos como o deporte, a cultura ou o mundo laboral”, sinala Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Muller e Cultura.