Skip to main content
Viveiro

O PP de Viveiro demanda máis limpeza e un incremento das analíticas das fontes públicas

Por 24 Xuño, 2022Sin comentarios

O PP de Viveiro demanda á socialista María Loureiro máis limpeza das fontes públicas e un incremento das analíticas para coñecer o estado da auga.

Segundo o portavoz popular, Óscar Rodríguez, “as fontes públicas, polo tanto de titularidade municipal, precisan atención por parte do Concello, o mesmo no que se refire a súa conservación como ao control e información sobre a calidade da auga”. Os populares presentarán unha iniciativa na próxima sesión plenaria para mellorar as condicións nas que se atopan, moitas delas hoxe en pésimo estado, e para ampliar os controles da calidade da auga.

Os populares denuncian que as fontes públicas de Viveiro están en moi mal estado de conservación. “Case cubertas de maleza e de herbas, con evidente falta de limpeza e sen as necesarias obras de reparación, case sempre pouco custosas”, di Rodríguez, que engade “é unha demostración de falta de sensibilidade por parte do goberno municipal, presidido pola socialista María Loureiro. É unha pena, porque son pezas que, en moitos casos, teñen interese, son un valor patrimonial e, sobre todo, son parte da nosa historia”.

Con ser importante o aspecto, o máis relevante é o estado da auga que aportan as fontes públicas. O Concello, segundo sinala Óscar Rodríguez, “fai algúns controles, mediante analíticas, do estado da auga dalgúns mananciais”. Aínda son moitos, segundo sinala o portavoz popular, os veciños que gustan de consumir auga da súa fonte preferida. Por iso, asegura, “é moi importante que o control dos mananciais sexa frecuente, periódico e que a información dos resultados obtidos nas analíticas se difunda tanto como sexa posible, en síntese, para que a xente saiba se a auga é ou non apta para o consumo. “Á marxe de que en situacións extraordinarias, se fagan analíticas puntuais, o control sanitario das fontes debe ser sostido no tempo, periódico, frecuente e debe alcanzar a todas as fontes públicas do municipio”. Os resultados, traducidos no estado apto ou non para o consumo, deberán ser difundidos como información municipal, segundo indica Rodríguez, a través dos distintos medios posibles, incluída a páxina web e das redes do Concello.

O portavoz popular di que é precisa a colaboración dos cidadáns para que os avisos de auga non apta para o consumo non desaparezan das fontes. “É importante que o Concello habilite algún medio para que os carteis non desaparezan das fontes, porque a información de que a auga non é apta para o consumo e moi relevante, porque afecta a saúde das persoas”.