Skip to main content
Viveiro

O PP de Viveiro insta a abrir de inmediato o acceso á praia de Sacido

Por 30 Xuño, 2022Sin comentarios

O PP de Viveiro insta á alcaldesa Loureiro a adoptar as medidas precisas para abrir de inmediato o acceso á praia de Sacido. “Manter pechado durante varios anos o acceso á unha praia en área urbana e ao pé dun dos máis coñecidos hoteis de Galicia é un luxo que ningunha cidade se pode permitir e máis se é unha pequena cidade, como Viveiro, que precisa rendibilizar todos os recursos de que dispón”, di o voceiro popular, Óscar Rodríguez, “no marco da total ineficacia na xestión xa amplamente demostrada da alcaldesa e o seu equipo”.

“Que a praia de Sacido non ten acceso dende hai varios anos por causa da probada desidia do goberno municipal era algo máis que unha sospeita, pero dende xuño do 2020 xa non hai dúbida algunha porque a propia alcaldesa recoñeceu no pleno que tiña gardado un proxecto, redactado por Costas; é un proxecto que, xa entón, estaba feito dende había máis de ano e medio”, engade Rodríguez.

Ademais lembra que Sacido, “ademais de ser unha praia fermosa, ten ao seu carón un hotel de catro estrelas; o acceso pechado dá unha imaxe deplorable e priva do seu uso aos veciños de Viveiro e aos visitantes”. Rodríguez sinala: “Dende entón nada se avanzou. O acceso á praia sigue pechado e toda a zona está feita unha selva. É unha pena e unha actitude inexplicable por parte do goberno municipal”.

Os populares instan á alcaldesa Loureiro a adoptar as medidas necesarias para abrir canto antes o acceso á praia de Sacido, nas debidas condicións de seguridade.