Skip to main content
Axenda Caducada

As Tanxugueiras estarán o 16 de xullo nas festas das Pontes

Por 13 Xuño, 2022Xullo 16th, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes vén de anunciar a presencia do trío galego Tanxugueiras nas festas patronais cun concerto o día 16 de xullo no Canal IV a partir das 23.00 horas.

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica.

A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.

O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que xa as fixo triunfar en escenarios de varios países. Aválanas éxitos como Midas, Figa, Averno (colaboración con Rayden) ou Terra (con máis de 11.000.000 escoitas nas plataformas dixitais a finais de xaneiro), tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Fest, competindo por ir a Eurovisión con artistas como Rigoberta Bandini, Chanel, Varry Brava ou Javiera Mena.

Todo formará parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e co que presentarán un potentísimo show. Nel mostrarase a nova sonoridade creada pola banda, da que xa deron parte en directo en Manresa, Castellón, O Porto e Setúbal (Portugal).