Skip to main content
Lugo

Lugdunum: “Crimos importante facer fincapé nos pobos que vivían aquí antes da chegada romana”

Por 7 Xuño, 2022Xuño 9th, 2022Sin comentarios

Lugdunum é a primeira asociación galaica da cidade. Dende a súa creación, alá polo 2008, quixeron amosar a realidade da romanización. Sendo uns dos poucos castrexos que paseaban por Lugo nos primeiros anos da súa participación na festa, as súas actividades céntranse na divulgación histórica dos aspectos menos coñecidos da sociedade galaica. Pódese atopar a Lugdunum na Castra de Lucus Augusti, o venres de 17.00 h. a 20.00 h., o sábado de 11.00 a 14.00 h. e de 17.00 h. a 19.30 h. e, o domingo, de 11.00 h. a 14.00 h. e de 17.00 h. a 19.00 h.

Que é Lugdunum?
A asociación de recreación histórica galaica máis antiga da cidade. Cando se empezou a organizar o Arde Lucus, fíxose dende un enfoque moi romano, dende a perspectiva do pobo conquistador, e crimos importante facer fincapé nos pobos que vivían aquí antes da chegada romana. Pero sen acritude, quero dicir, aceptando e valorando que actualmente somos unha mestura de sangue romano e galaico. De aí o noso nome: Collimos o nome dunha das deidades prerromanas máis importantes, Lugh, e “romanizámolo” engadindo a desinencia -dunum… Máis tarde, enterámonos que existía unha cidade romana na Galia xustamente con este nome, a actual cidade francesa de Lyon.

As actividades que organizamos como asociación, dende o principio, tiveron un enfoque didáctico, dar a coñecer a nosa cultura prerromana… pero tamén actividades onde os rapaces fosen os protagonistas. De aí que organizásemos numerosos obradoiros ao longo da nosa historia: de barro, escudos, coiro, pulseiras, cociña, maquillaxe, chaveiros, horóscopo… Corría o ano 2008.

Que novas actividades presentades este ano?
Este ano o Concello coordinou máis actividades colectivas entre todas as asociacións participantes para darlle un corpo de “historia”, desde a chegada dos romanos, ata a sinatura da paz, pasando por asembleas e escaramuzas entre dos distintos pobos… Isto fixo que tivéramos que reducir algunha das actividades propostas pola Asociación. En calquera caso, este ano teremos un mural co debuxo dun castro onde a xente poderá adherirse e “alugar” unha casiña e formar parte da familia Eu son galaic@. Nesta mesma liña, os participantes poderán facerse unha chapa co seu nome escrito en ogham, unha escritura prerromana de orixe celta, que aínda que non se atopou en Galicia, cremos interesante dala a coñecer.

Este ano incorporamos tamén unha actividade de entendemento entre os pobos romano e galaico. Acenderemos o noso lume de xeito tradicional, e logo de sacralizalo compartirémolo coa Asociación Pax Romana para que podan empregalo na elaboración das súas moedas. Daremos tamén unha charla sobre as plantas mediciñais que se empregaban naquel tempo e o seu uso.

Como credes que será a festa deste ano, logo da pandemia?
Cremos que será un éxito. Hai moitas gañas de recuperar esta festa. Non debemos esquecer que é unha festa artellada por moita xente de Lugo, somos moitas asociacións e moitos os participantes que levamos dous anos dándolle á cabeza, con gañas de mostrarlle á xente, de Lugo e de fóra, o que preparamos… Se a isto lle sumamos as gañas da xente en xeral de saír, de viaxar, de facer cousas distintas e tentar recuperar o tempo perdido… non pode ser doutro xeito… un éxito. Cecais, por poñerlle un pero, as datas en plenos exames finais, antes de rematar o curso escolar e as oposicións convocadas… pode que lles reste un pouco de asistencia. Pero por poñerlle un pero…