Skip to main content
Navia de Suarna

Xornada de portas abertas para coñecer o CAM de Navia de Suarna

Por 26 Xuño, 2022Xuño 28th, 2022Sin comentarios

A Deputación de Lugo organiza para o vindeiro xoves, 30 de xuño, unha xornada de portas abertas no Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna, co obxectivo de que a veciñanza desta comarca poida coñecer en primeira persoa as instalacións e os servizos que ofrece esta dotación social da institución provincial ante a súa próxima entrada en funcionamento.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participará xunto co Alcalde, José Fernández, neste encontro cos veciños e veciñas, e farán un percorrido polas diferentes dependencias que integran o centro.

A institución anima a participar na xornada de portas abertas, que se desenvolverá entre as 11.00 e as 13.00 horas. Faranse grupos pequenos para poder explicar de forma pormenorizada como está deseñado o centro, os servizos que se ofertarán e as actividades que está previsto desenvolver en cada unha das dependencias.
Para coñecer este novo Centro de Atención a Maiores da rede provincial é necesario anotarse chamando ao teléfono 982.365.166, da Casa do Concello de Navia de Suarna ou ao 982.260.138, que corresponde ao servizo provincial de Benestar Social.

A Deputación de Lugo abriu neste mandato catro residencias -na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira-, que se suman aos tres que xa estaban en funcionamento -en Trabada, Ribadeo e Pol-. Ademais, este ano porá en marcha dous novos centros, en Navia de Suarna e Ribas de Sil, co que contará cun total de nove.
Ao mesmo tempo, a institución provincial segue a traballar no resto dos proxectos comprometidos cos concellos: na Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón.