Skip to main content
Lugo

O Pleno provincial di si á residencia de Navia de Suarna

Por 28 Xuño, 2022Xullo 3rd, 2022Sin comentarios

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade o convenio específico entre a institución provincial e o Concello para a apertura do Centro de Atención a Maiores (CAM) de Navia de Suarna.

O Presidente, José Tomé Roca, e o Alcalde naviego, José Fernández, asinarán o acordo este mesmo xoves, 30 de xuño, cando a institución organiza na residencia unha xornada de portas abertas para que a veciñanza coñeza en primeira persoa as instalacións ante a súa próxima entrada en funcionamento.

Este convenio é o ultimo trámite entre administracións que faltaba para poder abrir o CAM e supón un investimento de máis de 3 millóns de euros ata o ano 2025, segundo explicou durante o Pleno o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen tamén subliñou que o documento garante a prestación pública do servizo e establece a prioridade de acceso ás prazas para a veciñanza de Navia de Suarna e logo para a dos municipios limítrofes e do resto da provincia.

Así mesmo, recolle que a Deputación se compromete a efectuar o financiamento previsto, a actuar como órgano de contratación e a impulsar un equipo técnico especializado no ámbito dos servizos sociais. Pola súa banda, o Concello comprométese a colaborar coa institución provincial e a facer as achegas económicas previstas.
O seguinte paso da Deputación de cara á apertura da residencia será aprobar na Xunta de Goberno a licitación do contrato para as prestacións básicas.

No que vai de mandato, a Deputación de Lugo abriu catro novos centros de maiores na provincia -na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira-, que se suman aos tres que xa estaban en marcha -en Trabada, Ribadeo e Pol-. Ademais, neste ano abrirán os de Navia de Suarna e Ribas de Sil. Polo tanto, a final de mandato a institución terá 9 residencias públicas en funcionamento.

Así mesmo, segue a traballar no resto dos proxectos comprometidos: na Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón.