Skip to main content
Lugo

Bo ritmo na renovación integral de Lamas de Prado, en Lugo

Por 27 Xuño, 2022Xullo 7th, 2022Sin comentarios

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, e os ediles, Alexandre Penas e Maite Ferreiro, visitaron a rúa Lamas de Prado, onde se está a traballar na renovación integral proxectada pola área de Infraestruturas do Concello de Lugo, que supón un investimento na zona, superior ao medio millón de euros.

Rubén Arroxo destacou a importancia desta obra, dado que “Lamas de Prado é a conexión central dunha zona que conta con máis de 15.000 habitantes”, e afirmou que “actuaremos tanto na renovación da parte visible da rúa, como a estrada e as beirarrúas, e nos servizos que están soterrados”. O Goberno de Lugo inviste 533.933€ nesta actuación, que foi adxudicada a Construccións RAFER S.L.

A seguridade vial da zona mellorará con esta renovación. A renovación das beirarrúas permitirá aumentar a accesibilidade ao eliminarse as barreiras arquitectónicas presentes na actualidade.

“Ao mesmo tempo, continuarase avanzando no calmado do tráfico, ao instalarse na zona novos pasos de peóns elevados, ademais de mellorarse a disposición da sinalización vial”, explicou o concelleiro. O treito fronte á praza do Castiñeiro converterase nunha nova plataforma única, gañando espazo peonil sen afectar á mobilidade dos vehículos.

Renovarase, ademais, o mobiliario urbano e as zonas verdes da zona e instalarase unha nova marquesiña para a parada do bus urbano, e habilitaranse novos aparcabicis na zona.

Rubén Arroxo fixo balance dos traballos executados durante o ano 2020 pola concellería de Infraestruturas Urbanas no barrio, e lembrou que se realizaron accións de calmado de tráfico na contorna do colexio Menéndez Pelayo e da escola infantil municipal Serra de Outes.

“Estes traballos consistiron na renovación da sinalización horizontal e na creación de novos pasos de peóns elevados para garantir a seguridade das e dos peóns nestas zonas, especialmente das nenas e nenos”, declarou Arroxo, que engadiu “agora estamos a mellorar Lamas de Prado, cunha actuación integral que vai aumentar a accesibilidade e que mellorará a súa estética, mellorando a imaxe da cidade e da zona”.