Skip to main content
Lugo

Restablecido o tráfico na N-VI sobre o paso soterrado, en Lugo

Por 29 Xuño, 2022Xullo 3rd, 2022Sin comentarios

O tráfico da Nacional VI queda restablecido no seu traxecto habitual, suprimíndose, deste xeito, o desvío provisional habilitado na marxe esquerda da estrada, en sentido A Coruña, con motivo das obras de renovación do paso soterrado, impulsadas polo executivo de Lara Méndez.

Así o avanzou onte a rexedora, quen explicou que “tras realizar a proba de carga a semana pasada, a circulación de vehículos retomarase ao longo do día de mañá por encima da nova estrutura recentemente executada, que duplica as dimensións da orixinal”.

O desvío, que se activou en febreiro, desenvolveuse sen problemas a pesar de que é unha estrada cun volume de tráfico elevado, de máis de 25.000 vehículos diarios. O mesmo foi necesario para executar as obras de ampliación e mellora do paso soterrado, así como a humanización da súa contorna, co fin de mellorar as conexións a pé e en bicicleta desde a trama urbana ao Miño, unha das apostas da rexedora a través da estratexia DUSI Muramiñae.

Méndez explicou, ademais, que “a partir de mañá comezarán os traballos de reposición da iluminación e recableado, de tal forma que, a comezos da vindeira semana, poidan estar as luminarias instaladas na súa nova localización”.

Por outra banda, tamén se reporán o resto de servizos na N-VI e o valado, que se levará a cabo coa mesma tipoloxía de peche que o existente, consistente en malla de simple torsión sobre pés dereitos separados 4 metros entre si. A continuación, acometerase a renovación da senda peonil para facela máis cómoda e accesible para os usuarios.