Skip to main content
ChantadaComarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca TERRACHÁXA

Adamo arrinca as obras para levar fibra óptica a máis de 7.200 vivendas de 8 concellos lucenses

Por 21 Xuño, 2022Sin comentarios

O operador acumula 70.000 domicilios cableados de 27 concellos lucenses desde 2018, así como un investimento de fondos privados que supera os 20 millóns.

Os traballos de enxeñería para dotar de fibra óptica a máis de 7.200 vivendas de 8 concellos lucenses xa están en marcha. En concreto, serán diferentes áreas de Abadín, Castroverde, Chantada, Friol, Guitiriz, Monforte de Lemos, A Pontenova e Riotorto as que contarán a finais de verán coa conexión a Internet máis rápida que existe hoxe no mercado (1.000 MB), que fornece o operador.

REUNIÓN COA SUBDELEGADA DO GOBERNO

A subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, recibiu na sede da institución que lidera a David Llano, responsable de Adamo en Galicia, quen lle explicou os detalles sobre o novo equipamento, así como sobre o conxunto de despregamentos previstos para o terceiro e o cuarto trimestre. Neste último período, Adamo engadirá unha cifra similar ao anterior, cuns 7.000 fogares conectados por medio da súa fibra óptica.

AXUDAS PÚBLICAS PARA LUGO

Este crecemento apóiase, por unha banda, nos fondos propios de Adamo (leva investidos máis de 20 millóns de euros en Lugo). Por outro, a expansión é posible grazas ás subvencións do Programa de Banda Ancha de Nova Xeración ( PEBA) do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que está cofinanciado pola Unión Europea (UE). Así, preto de 6 millóns xa se destinan ao desenvolvemento desta infraestrutura na provincia, cantidade que facilitará a conexión de máis de 26.500 fogares lucenses. É dicir, que a colaboración público-privada, o traballo conxunto entre Adamo e o Goberno, é a fórmula que está a permitir o desenvolvemento da fibra óptica no territorio lucense.

APOSTA POR LUGO

Esas operacións enmárcanse no ambicioso plan que a compañía está a desenvolver na provincia, cuns 70.000 domicilios de 27 concellos cableados desde 2018 ata o momento. En concreto, por citar algúns exemplos, a empresa ten a súa infraestrutura expandida na Fonsagrada, Alfoz, Begonte, Cervo, Xove, Barreiros, Lourenzá, O Valadouro ou Foz.