Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación de Lugo reclama á Xunta axudas ás ganderías para paliar o impacto da guerra

Por 29 Xuño, 2022Sin comentarios

O acordo inclúe tamén pedir á Xunta poña en funcionamento un Observatorio de Prezos que evite que os produtores vendan a perdas, e tamén que se cree unha Axencia de Información e Control Alimentarios.

A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a que convoque canto antes unha liña de axudas para o sector gandeiro co fin de paliar o impacto da guerra de Ucraína. Así se acordou por unanimidade no Pleno ordinario do mes de xuño celebrado este martes, a raíz dunha proposta presentada polo Goberno provincial.

A voceira socialista provincial, Pilar García Porto, expuxo que a Deputación reclama “unhas achegas directas ao sector agrario, complementarias e da mesma cantidade que as dedicadas polo Estado aos produtores de Galicia, e destinadas aos subsectores gandeiros de carne, tanto de vacún, ovino e cabrún, como avícola e cunícola”.

A institución provincial tamén insta a que o Goberno galego poña en funcionamento un Observatorio de Prezos que evite que os produtores cheguen a vender a perdas, e tamén a creación dunha Axencia autonómica de Información e Control Alimentarios como ferramenta para axudar a conseguir os obxectivos fixados pola Lei da Cadea Alimentaria.

García Porto puxo de manifesto que, “mentres a Xunta aínda non ten achegado nin un só euro en axudas ao sector, o Goberno de Sánchez duplicou a solicitude de fondos que lle pedira o ex presidente Feijóo”. Lembrou, nese sentido, que o pasado 30 de maio, 6.434 gandeiros e gandeiras galegos de leite percibiron xa 55M€, dos que 25 millóns corresponderon ás 2.835 explotacións leiteiras da provincia de Lugo.   

Especificou, así mesmo, que o sector cárnico está na mesma situación. “Nin un só euro da Xunta, mentres que o Ministerio de Agricultura xa se moveu e ten en trámite as achegas”, manifestou a Deputada no Pleno.  “Hai que falar de que hai uns meses os prezos do leite estaban en 29 e 30 céntimos, e hoxe están en 40 e 41 céntimos, e dende logo este resultado non foi froito da loita do Partido Popular nin das súa implicación alí onde gobernan”, dixo. 

A Deputada lembrou que a proposta vai na liña da iniciativa aprobada por unanimidade o pasado 17 de xuño no Parlamento de Galicia a instancia do PSdeG para reclamar tamén unha liña de axudas ao sector agrogandeiro con fondo propios. “Naquel momento estivemos de acordo, pero é necesario lembrar tamén que Feijóo cando aínda era Presidente lle reclamaba ao Goberno do Estado 65 millóns de euros, a mesma cantidade que aportaba a Unión Europea”. Así mesmo, afirmou que dende aquel momento, ademais das medidas xerais de bonificación dos carburantes, o Goberno de España aprobou un paquete de axudas para o sector duns 360 millóns de euros, 169 deles de xeito específico para o sector lácteo; e concretou, que no caso dos sectores agrogandeiros, o Goberno “duplica a axuda europea de 65 millóns de euros, aportando outros 128 ata chegar a un total de 193 millóns de euros”.

Tres meses despois, dixo, “sorprende escoitar a Feijóo que agora desmerece esas axudas e cualifícaas de fracaso”. “Queremos que a Xunta cumpra e un compromiso firme cos gandeiros e gandeiras da provincia”, concluíu.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

A Corporación Provincial acordou este martes na sesión plenaria unha Declaración Institucional pola defensa dos dereitos LGTBIQA+. Todos os grupos políticos con representación na Deputación de Lugo -PSdeG, BNG e PPdeG- acordaron un texto que se enmarca no 30 aniversario do Europride, a gran festa de reivindicación europea a prol da igualdade sexual e de xénero.

Esta iniciativa da Deputación pretende defender e amparar os dereitos deste colectivo ante o auxe dos partidos de extrema dereita cunha clara axenda homófoba, e para seguir avanzando nos principios de igualdade, non discriminación por motivos de orientación sexual, identidade de xénero e na protección das persoas vítimas de delitos.

Con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGTB que se celebra hoxe mundialmente, a bandeira multicolor loce no Pazo de San Marcos desde o sábado.

AUTOVÍA A-6

O BNG reiterou esta mañá no pleno provincial a esixencia ao Estado de transparencia na información sobre as causas dos derrubamentos na A-6 e alternativas para a circulación mentras non se restableza o paso pola ponte do Castro.

No debate da moción, o voceiro nacionalista Efrén Castro fixo fincapé na necesidade de que o Estado habilite “solucións temporais que permitan recuperar a máxima normalidade e seguridade na circulación por estrada ata que se restableza o paso pola autovía”.

Neste sentido, a moción nacionalista, aprobada por unanimidade, demanda “a creación dunha comisión de seguimento para a recuperación da infraestrutura coa presenza do Estado, da Xunta, dos sectores económicos e sociais afectados e das forzas políticas parlamentarias na que se fale dos prazos e dos medios necesarios”.

Ademais en liña co expresado polo BNG nas institucións galegas e estatais desde o primeiro derrubamento, a moción do grupo provincial esixe “dar resposta e informar sobre as dúbidas xurdidas entre a poboación a raíz do incidente”, achegando toda a información sobre a construción inicial do tramo así como sobre as obras de reparación que se estaban levando a cabo cando se produciron os derrubamentos. Efrén Castro argumentou que “a investigación e a transparencia” son necesarias para que “a cidadanía manteña a confianzas nas infraestruturas públicas e no Estado”.

O BNG, que tomou a iniciativa á hora de presentar a moción para o pleno provincial, votou tamén a favor das propostas presentadas polos grupos socialista e popular, sinalando a necesidade “de unir forzas para estar visitantes e facer presión para que se cumpra co aprobado”, e o Estado responda á demanda de investigación, solucións temporais e prazos para a recuperación da infraestrutura.

HOMENAXE A CACHARRO PARDO

O Grupo Provincial Popular suxeriu que a Deputación de Lugo promova, en conxunto coa USC, unha homenaxe a Francisco Cacharro Pardo en recoñecemento “do seu labor, cooperación e impulso definitorio” ao campus universitario de Lugo.

“A Deputación ten un longo percorrido de apoio e impulso e traballo coa USC que iniciou o presidente Luis Cordeiro; pero, sen dúbida, se existe un nome propio nesta casa que podamos vincular ao traballo e á cooperación coa universidade ese é o de Francisco Cacharro Pardo. Polo tanto, esta homenaxe, sen dúbida, sería posible, loable e de xustiza se quen ten que tomar a decisión é xusto e obxectivo”, segundo trasladou o deputado lucense Óscar Poy no pleno da corporación provincial deste martes.

Os deputados populares votaron a favor da cesión á USC do uso de varias parcelas provinciais para consolidación e ampliación do Campus de Lugo. “Toda colaboración da Deputación coa USC para a ampliación, mellora e promoción do campus de Lugo é ben acollida por este Grupo Provincial”. Poy puxo en valor que “o Campus da Universidade de Santiago en Lugo é unha parte esencial da cidade de Lugo, como sinal de identidade, como xerador de potencia intelectual, como impulsor da economía local e como referencia no mundo académico e investigador, tanto a nivel nacional como internacional”.

“A USC, a través do campus, pode aportar moito á provincia”. Por iso, Poy animou ao goberno provincial, en nome de todo o Grupo Popular, a buscar novas liñas de cooperación coa Universidade que redunden en beneficio de sectores concretos da nosa provincia, e, á vez, sexan de utilidade para a Universidade”.