Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXA

Presentada unha nova edición do Certame Condado de Pallares

Por 29 Xuño, 2022Sin comentarios

A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares presentou hoxe a XVI edición do Certame de investigación Condado de Pallares, co apoio da Consellería de Cultura da Xunta.

Na presentación, estiveron presentes, entre outros, a alcaldesa de Guntín, María José Gómez así como o presidente da entidade organizadora, Carlos Vázquez; ademais doutras autoridades coma o secretario xeral de Política Lingüística, o delegado territorial da Xunta en Lugo, a vicepresidenta da Deputación ou os alcaldes de Chantada e Taboada.

Os representantes do Goberno galego destacaron as achegas á cultura xeral de Galicia que se deben a este certame, que estuda o ámbito local dos cinco concellos que formaron o antigo Condado de Pallares: Chantada, Guntín, Taboada, Portomarín e Carballedo. A iniciativa impulsa a investigación de calidade en lingua galega, arredor de ámbitos como a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, o folclore ou a lingüística.

Así, grazas a esta convocatoria viron a luz estudos de investigación sobre temas tan diversos como a cultura castrexa e galaico romana na zona, a liñaxe da Casa de Taboada, a propia evolución do Mosteiro de Ferreira de Pallares, a presenza do Mestre Mateo no sur de Lugo, os caneiros do Miño, as fábricas de curtidoiros ou as bandas de música.

Poden concorrer ao certame todas as persoas que presenten textos inéditos en lingua galega coa citada temática, cun mínimo de 100 folios e sen extensión máxima. O prazo de presentación estará aberto ata o 30 de setembro. O premio conta cunha dotación económica de 3.000 euros e inclúe a publicación do traballo gañador.