Skip to main content
Baralla

Baralla presenta as medidas a ter en conta para un San Xoán seguro

Por 17 Xuño, 2022Sin comentarios

O alcalde de Baralla, Miguel González Piñeiro, vén de anunciar, mediante un bando, as medidas de prevención que deberán seguir todos aqueles que queiran facer as cacharelas na vila polo San Xoán.

Así, no bando explica que as fogueiras deberán realizarse en lugares despexados, mantendo unha distancia de seguridade prudencial de edificacións, de liñas eléctricas, zonas verdes ou xardíns, así como mobiliario urbano ou vehículos. Evitando calquera situación de perigo.

En caso de que a cacharela se faga sobre zonas asfaltadas ou empedradas, a superficie deberase protexer cunha capa de terra ou area; con todo, non se deberá entorpecer, en ningún caso, os viais de circulación.

Do mesmo xeito, o alcalde de Baralla, explica que non se poderán queimar rodas, cubertas de goma ou calquera derivado de hidrocarburos así como materiais ou produtos contaminantes ou tóxicos.

Serán os organizadores das foguerias os responsables do cumprimento destas normas e dunha correcta extinción do lume ao finalizar a noite. Ademais, deberanse retirar os restos da queima.

Para levar a cabo unha cacharela, os veciños de Baralla deberán comunicalo no concello, chamando ao teléfono 982363303.