Skip to main content
Lugo

Cen mozos contan a Lara Méndez as súas inquedanzas sobre a cidade de Lugo

Por 2 Xuño, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reuniuse na tarde de onte coa mocidade participante nos cursos de formación que a concellería de Xuventude está a desenvolver neste semestre. A rexedora, que quería coñecer as súas opinións sobre a cidade e tamén as súas inquedanzas de futuro, aproveitou o encontro para trasladarlles a preocupación do Concello por impulsar oportunidades laborais na mocidade.

“A transformación urbanística e medioambiental de Lugo na que estamos a traballar non será suficiente se as e os lucenses non teñen a capacidade de atopar un traballo no seu municipio para poder desenvolver aquí o seu proxecto profesional e vital”, afirmou.

Méndez, que estivo acompañada do edil Mauricio Repetto, fixo entrega esta tarde dos seus diplomas acreditativos aos mozos e mozas que participaron nas diferentes propostas organizadas pola área de Xuventude.

A rexedora destacou o éxito e boa acollida que tivo a convocatoria no que vai de ano, na cal participaron máis de 250 persoas e combinou formación naqueles nichos de emprego que poden resultar interesantes para á rapazada, como o do socorrismo, con iniciativas de ocio e de vida saudable, como o Show Cooking ou a moda circular cos que se fomenta a sostibilidade e a colaboración e sinerxía en diferentes sectores.

Entre as propostas que se levan ofertado figuran os cursos orientados á pilotaxe e ao mantemento e posta a punto de coches de radio control, que se impartiron no circuíto de radio control do Parque de Frigsa. E dentro do programa +Xti, encamiñado á prevención das adiccións, tamén se habilitaron accións de formación para vixilante de seguridade, carretilla elevadora, prevención de riscos laborais ou traballos en altura.

Sen esquecer outras opcións de ocio alternativo como a música, o baile, os xogos tradicionais, ou o sendeirismo.

Lara Méndez, quixo convidar á rapazada que asistiu ao acto a interesarse e participar tamén na iniciativa lúdico formativa Proxecta – Cidade a través da cal a mocidade pode colaborar a deseñar e mellorar aquelas contornas de uso público que frecuentan.

Un convite no que, pola súa parte, tamén se reiterou o concelleiro Mauricio Repetto ao tempo que agradeceu ás e aos asistentes, así como ao persoal docente a súa  implicación para que as actividades deste primeiro trimestre tiveran tan boa aceptación e resultados.