Skip to main content
Lugo

O Campus de Lugo homenaxea a Rof Codina, como Científico Galego do Ano

Por 4 Xuño, 2022Xuño 5th, 2022Sin comentarios

Juan Rof Codina, Científico Galego do Ano 2022 será homenaxeado no Campus de Lugo da USC coa campaña Pílulas Rof Codina. Unha iniciativa posta en marcha pola Biblioteca Intercentros do Campus para divulgar e pór en valor a figura e a obra, así como o legado científico do impulsor da Veterinaria no Estado español.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) rende homenaxe a Rof Codina este ano co seu nomeamento como Científico Galego do Ano 2022.

O centro universitario lugués é depositario da obra escrita e do arquivo persoal de Juan Rof Codina, un repositorio documental que inclúe estudos e escritos xa seculares do propio Rof, ademais doutras das súas achegas, tal e como é o bastón zoomórfico, “un artefacto patentado polo propio Rof Codina que resultou de gran importancia para o posterior desenvolvemento dos estudos de anatomía e morfoloxía animal”, segundo indica a directora da Biblioteca Intercentros, Julia Cantalapiedra.

Cantalapiedra explicou asemade que a camapaña Pílulas Rof Codina, que se desenvolve inicialmente a través das redes sociais da propia Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, comezou a principios do mes de abril e está previsto que continúe ata outono, data na que a Real Academia Galega de Ciencias celebrará o acto central desta particular homenaxe a Juan Rof Codina.

Respecto das accións xa realizadas nesta campaña a prol da difusión da figura e da pegada científica deixada por Rof Codina, Cantalapiedra sinalou que nos dous últimos meses xa se deu conta dunha visita realizada á capital luguesa en 1948 por alumnado procedente da Facultade de Veterinaria de Córdoba.

A viaxe de prácticas desta delegación universitaria andaluza, que tivo ocasión de coñecer a Estación Pecuaria Rexional de Galicia, así como as instalacións de Industrias Abella ou os Laboratorios Beca e Frigolugo, serviu tamén para render homenaxe a Rof Codina, que recibiu entón a Medalla de Ouro da Asociación Nacional de Avicultores, ademais do seu nomeamento como Colexiado de Honra do Colexio de Veterinarios de Lugo.

A celebración da X Comida Veterinaria, un evento desenvolvido o 25 de agosto de 1929, é outro dos episodios vitais de Rof Codina que rescata do esquecemento a campaña iniciada pola biblioteca Intercentros do Campus de Lugo.

De feito, esta festa de confraternidade profesional celebrada no compostelán Hotel Suízo e na que tomaron parte 80 veterinarios, deu pé á posterior edición dun volume escrito que recollía os discursos pronunciados, intervencións entre a que se contan a de María Cerrato Rodríguez, a primeira muller que acadou o título de Veterinaria no Estado, Félix Gordón Ordás e o propio Juan Rof Codina.

A celebración deste tipo de xuntanzas era un subterfuxio para manter vivo o xermolo da Asociación Nacional de Veterinaria de España (ANVE), considerada como un precedente da organización colexial veterinaria, trala súa disolución na ditadura de Primo de Rivera.

O traslado forzoso por parte das autoridades franquistas á Inspección Provincial Veterinaria de Sevilla, praza á que Rof Codina se incorporou en 1939 é outro dos retazos vitais deste impulsor da veterinaria que recorda a campaña activada desde a biblioteca Intercentros do Campus de Lugo da USC, que tamén se fai eco dos diversos artigos publicados en cabeceiras de prensa da época polo agora distinguido como Científico Galego do Ano 2022.

Nestes textos, Rof Codina salientaba a importancia da celebración das feiras e dos concursos de gando, factores que, na súa opinión, “axudaban a mellorar a gandaría e a economía do país”.

Alén das cuestións xa citadas, os promotores de Pílulas Rof Codina contemplan futuras entradas nas que se repasarán outros dos expedientes disciplinarios aos que foi sometido o personaxe motivo desta campaña de difusión, ao tempo de que se dará conta da ampla e interesante correspondencia mantida entre o propio Rof Codina e outros veterinarios e persoeiros relevantes do momento como Félix Gordón Ordás.