Skip to main content
Lugo

Lugo busca unha ducia de socorristas para este verán

Por 3 Xuño, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo contará este verán cunha brigada de media ducia de socorristas.

Serán dous traballadores de salvamento máis do habitual para o municipio e que se encargarán, xunto aos seus compañeiros, da vixilancia e o salvamento acuático nas áreas recreativas fluviais da capital entre as que se integrará, tamén, a nova Plataforma de Baño Pública.

Para que os dispositivos de seguridade estean xa dispoñibles no momento no que se abra ao público a Praia Fluvial, esta semana o Executivo local validou en Xunta de Goberno as bases de selección do persoal.

A convocatoria amplía as achegas autonómicas concedidas ao abeiro das subvencións para o fomento e mellora da empregabilidade no ámbito da colaboración coas entidades municipais.

De maneira que no canto dos 4 traballadores concedidos pola Xunta por un prazo de dous meses, a Administración local incrementará o equipo e estenderá a contratación a 6 socorristas que exercerán o seu labor o trimestre enteiro.

O proceso, que se cursará a través do SPEG (Servizo Público de Emprego de Galicia), constará de dúas fases nas que se inclúe a realización dunha proba práctica combinada cunha duración de tres minutos na que as persoas concorrentes deberán realizar nado libre con volteo e viraxe, mergullo, recollida dun manequín e o seu remolque e arrastre, así como a valoración dun baremo de méritos nos que primará a formación da que estean en posesión os e as candidatas.

Dende Protección Civil convídase aos demandantes de emprego a inscribirse nesta oferta.