Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

‘Miradas do Imperio’ chega a Lugo coincidindo co Arde Lucus

Por 6 Xuño, 2022Xuño 30th, 2022Sin comentarios

A delegación da Xunta en Lugo acollerá mañá, 7 de xuño, ás 18.30 horas, a exposición Miradas do Imperio, do artista de Betanzos, Alfredo Erias.

Exdirector do Museo das Mariñas e do Anuario Brigantino, Alfredo Erias vén a Lugo coincidindo co Arde Lucus, para traer unha exposición sobre emperadores e emperatrices de Roma ata o século III, con especial fincapé nos que tiveron relación con Lucus Augusti.

A mostra inclúe, ademais, as estelas de Crecente e Adai, que figuran entre os fondos do Museo Provincial de Lugo. Nos cadros reprodúcese a imaxe dos mandatarios romanos, coñecida a través das estatuas existentes nos museos de todo o mundo. Na apertura da exposición intervirán Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo; Xulio Xiz, Presidente do colectivo Egeria, e o pintor Alfredo Erias.

Tense efectuado convite especial para visitar esta exposición aos colectivos que participan no Arde Lucus e, por parte da Delegación Territorial, aos centros educativos da capital para que, os que o desexen, acudan co seu alumnado á exposición, prestándose Alfredo Erias a efectuar cos grupos unha visita guiada con explicación en relación con cada persoeiro reproducido e o seu papel na historia.