Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo volverá sacar a licitación a cafetería do Vello Cárcere

Por 6 Xuño, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo volverá sacar a licitación a xestión da cafetería do Vello Cárcere. Así o anunciou a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, que avanzou que este procedemento se autorizará o mércores en Xunta de Goberno.

A área de Contratación vén de adxudicar os pregos “co fin de facer a adxudicación máis atractiva para o empresario local, de acordo ao contexto actual e á incerteza económica que derivou da pandemia”.

Así, a edil referiu que “logo de que os anteriores concursos tiveran que declararse desertos pola ausencia de licitadores, dende o Executivo local analizamos as causas que puideron propiciar que non se presentaran ofertas e optamos por reducir o canon ata facelo practicamente simbólico, tratando, deste xeito, de fomentar a concorrencia e de minorar o impacto que terá para a empresa adxudicataria afrontar o investimento inicial para poñer o establecemento a funcionar”, sinalou Alvarellos Fondo.

A responsable da área económica debullou, a continuación, outros detalles das bases. “Finalmente a concesión terá un importe mínimo de saída de 100 euros ao mes (1.200 €/ano) e unha duración de dez anos, prorrogable, anualmente, até un máximo de 5 máis, sendo competencia de quen a obteña acometer a instalación de todo o mobiliario e o equipamento e de executar a saída de fumes e a instalación completa de gas”, explicou.

Para escoller a oferta máis vantaxosa o Goberno local terá en conta que aquela que supoña un maior valor engadido para a cidade, tomando como aspectos moi importantes do mesmo a calidade das melloras e do embelecemento que se realicen na cafetería, a estética máis axeitada para o local así como a proposta máis innovadora”.

Para iso, os interesados deberán presentar unha memoria na que relaten a forma prevista de organización e funcionamento da actividade de hostalería a realizar así como unha valoración dos medios materiais e do gasto que teñen previsto asumir.

A este respecto, Paula Alvarellos lembrou que o Executivo de Lara Méndez leva destinado xa preto de 30.000 euros para acondicionar e modernizar as instalacións, ás que se dotou dun acceso independente, nun dos laterais do inmoble, orientado a que a apertura e peche do local non estivera supeditado ao horario do recinto cultural, así como a diferentes melloras relacionadas coa accesibilidade.