Skip to main content
Lugo

CCOO consegue que o Club Fluvial convirta a indefinidos varios postos de traballo

Por 7 Xuño, 2022Sin comentarios

Comisións Obreiras vén de conseguir a conversión en indefinidos de varios postos de traballo no Club Fluvial de Lugo. Así llo acaba de comunicar a Inspección de Traballo e Seguridade Social ao sindicato.

Precisamente, a conversión destes contratos prodúcese trala denuncia presentada por CCOO perante a autoridade laboral o pasado mes de febreiro.

“En relación á súa denuncia contra o Club Fluvial de Lugo, e tras as comprobacións oportunas, a empresa procedeu a transformar en indefinidos os contratos de varios traballadores da empresa”, reza a comunicación remitida ao sindicato pola subinspectora laboral que tratou o caso.

A denuncia presentada por CCOO hai xa case catro meses —o pasado 17 de febreiro—, sinalaba que a empresa organiza oferta formación para a práctica de diferentes actividades deportivas e de ocio. Para impartir esta formación, a empresa formalizaba “con carácter sistemático —de forma fixa e descontinua— contratos de traballo de varias persoas traballadoras baixo a modalidade de contrato de obra ou servizo determinado e eventuais por circunstancias da produción”.

Ante isto, CCOO puxo de manifesto que estas modalidades contractuais incorren “en manifesta fraude de lei”, polo que se instaba ás actuacións inspectoras necesarias “para que se regularice a contratación laboral das persoas afectadas”.

No tocante a isto último, cómpre lembrar que, conforme á reforma laboral pactada por CCOO no ámbito do diálogo social estatal, desaparece o contrato de obra ou servizo determinado. Ademais, a actividade formativa realizada no Club Fluvial encádrase nun dos supostos para a realización dos novos contratos fixos-descontinuos, polo que o sindicato pediu que fose de aplicación esta fórmula contractual, como así sucedeu.