Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo mellorará a seguridade na Volta da Viña

Por 9 Xuño, 2022Sin comentarios

A unión entre o miradoiro da Volta da Viña e o Parque Marcos Cela de Lugo leva anos sendo un problema para a cidadanía pola perigosidade e a pouca visibilidade da vía.

Tan só dez metros que separan estes dous puntos e que conta cun importante desnivel, orixinado por un afloramento rochoso que dificulta a conexión peonil directa entre ambos espazos.

O Executivo de Lara Méndez está a recuperar esta localización, mellorando a seguridade deste treito coa instalación dun valado de madeira que delimita o percorrido de escaleiras de pedra existentes, exercendo ademais de punto de apoio, o que posibilitará a súa próxima apertura.

A rexedora de Lugo, acompañada polo tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisaba hoxe o resultado dos traballos, enmarcados na estratexia de mellora da conectividade entre a contorna urbana e a ribeira fluvial.

“A nosa vontade é a de seguir incrementando a accesibilidade da capital e ir habilitando e rexenerando espazos para permitir que a veciñanza poida desprazarse con comodidade por todos eles, buscando unha mobilidade sostible pero tamén racional e sobre todo segura”, sinalou a alcaldesa.

Nese mesmo sentido, Lara Méndez lembrou que, precisamente, este enclave, coincidente co trazado do Carril Bici, contará cun novo paso de peóns intelixente.

“O segundo, xunto ao instalado na Rolda do Carme, que é capaz de detectar a presenza de viandantes para darlles prioridade ante o tráfico rodado e que se verá complementado coa colocación de nova iluminación e de balizas que redundarán na protección de todas e todos, xa sexan condutores e condutoras, camiñantes ou ciclistas”, aclarou.

A alcaldesa referiu que este sistema automático se activa cun sensor de presenza, aumentando a intensidade lumínica dun 30 a un 100%, o que provoca unha chamada de atención ao vehículo que se aproxima sobre a existencia dunha persoa que pretende cruzar.

Unha mellora que se completa coa súa elevación, mediante un badén, o que obriga á minoración da velocidade.