Skip to main content
Lugo

Unha vintena de personalidades reciben o premio Milagrosista do Ano

Por 11 Xuño, 2022Xuño 13th, 2022Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na noite de onte na gala de entrega dos Premios Milagrosistas do Ano que acolleu o auditorio lucense Gustavo Freire. A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa organiza este evento, no que premiou a 20 persoas e entidades da provincia.

José Tomé foi o encargado de entregarlle a distinción a cinco dos galardoados. “Estes premios son xa unha tradición consolidada na cidade de Lugo e na provincia, e este ano avanzan na recuperación da normalidade, despois das limitacións que impuxo a pandemia”, subliñou o Presidente, ao tempo que felicitou á asociación da Milagrosa porque os galardóns “son tamén un xeito de facer provincia, lémbrannos que as nosas capacidades e posibilidades de futuro multiplícanse cando traballamos xuntos pola nosa provincia”.

O mandatario provincial resaltou que os premiados e premiadas, vinculados á sanidade, á educación, á cultura, aos corpos e forzas de seguridade, á administración local, ao sindicalismo, á patronal ou ó xornalismo, “son unha fotografía dos sectores sociais que conforman a fortaleza da provincia de Lugo”. “Quero felicitar moi sinceramente a todas as persoas, empresas e colectivos que reciben este recoñecemento que outorgan os veciños e veciñas do barrio da Milagrosa. Todos os premios son importantes, pero aqueles que libremente deciden os veciños e as veciñas penso que teñen un significado especial”, manifestou.

Con respecto aos premiados e premiadas, o mandatario provincial salientou que “este ano, están persoas relacionadas coa sanidade ou coa educación. Dous piares da sociedade que demostraron a súa importancia e o seu compromiso en datas recentes facendo fronte á pandemia. O mesmo compromiso que demostraron os representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade”, que tamén recibiron distinción. “Sempre preto dos veciños, son garantes do noso benestar e da nosa seguridade, e durante a pandemia foron tamén un factor fundamental”, recoñeceu o Presidente.

Ademais, fixo fincapé en que “como Alcalde e como Presidente da Deputación, é para min unha satisfacción atopar a varios alcaldes entre os premiados. Unha proba de que a Administración Local está cerca dos cidadáns, e de que estes premios manteñen os lazos entre a veciñanza do barrio da Milagrosa e a doutros municipios da nosa provincia”.

Como defensor do diálogo social, dixo, “alégrome de ver xuntos entre os premiados ó secretario xeral da UXT en Lugo e ó presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. Penso que é un símbolo dun diálogo que sempre debemos manter vivo como un factor fundamental para o desenvolvemento social e económico”, subliñou.