Skip to main content
Lugo

Rosa Romero toma posesión como directora da EPS de Enxeñaría

Por 15 Xuño, 2022Sin comentarios

Romero salienta a “excelencia académica” da EPS de Enxeñaría e reivindica a posta en valor da formación STEM e agroforestal

A profesora da área de Produción Vexetal da USC, Rosa Romero Franco, tomou hoxe posesión como directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría no marco dunha sesión presidida polo reitor Antonio López e na que salientou a “excelencia académica” do centro universitario lugués, ao tempo que reivindicou a “relevancia social” da formación nas chamadas disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), así como nos ámbitos agrario e forestal.

Acompañada das persoas que integran o novo equipo de dirección da EPS de Enxeñaría, no que os profesores Alberte Castro, Carlos Núñez, Emilio Carral ocuparán cadansúa subdirección, mentres que a tamén docente María José Iniesto continuará coas funcións da secretaría académica, Rosa Romero debullou algunhas das múltiples fortalezas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.

“Somos un centro complexo no que se imparten moitos títulos de grao e de mestrado, pero a nosa dimensión interdisciplinar permite fai posible establecer sinerxías coas demais facultades e escolas do Campus de Lugo e da USC, así como coa sociedade da nosa contorna. E todo isto redunda nunha mellor formación integral do alumnado”, dixo.

INVESTIGACIÓN

A investigación, do mesmo xeito que a probada solvencia académica duns títulos de grao e mestrado avalados por selos de calidade nacionais e internacionais, é outro dos piares da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, o marco no que traballan 18 grupos de investigación con proxección nacional e internacional en diversos ámbitos científicos e que posibilitan a captación de ingresos por importe de 5,5 millóns de euros.

Alén dos proxectos que se desenvolven neste centro do Campus de Lugo, no que se fai “moita investigación aplicada que permite a transferencia de coñecemento e resultados á sociedade”, Rosa Romero reivindicou un maior recoñecemento ao labor de divulgación científica que se fai desde o centro, sobre todo nun contexto no que “o que non se difunde non existe”, dixo.

“Este traballo de proxección reforza a reputación social do centro universitario, pero tamén permite avivar reflexións colectivas sobre a transcendencia da conservación dos recursos naturais, así como sobre pautas para a súa xestión sustentable, ao tempo que se achegan novas ferramentas que permiten optimizar o aproveitamento dos recursos”, sinalou a directora da EPSE, que tamén apuntou o programa de prácticas externas do alumnado en máis de 500 entidades e empresas como outra das fortalezas dun centro no que cursan estudos de grao uns 600 estudantes e que afronta “unha etapa ilusionante”, afirmou ou reitor Antonio López.

A conxuntura demográfica que é especialmente crítica na Galicia interior, que experimenta unha progresiva perda de poboación e a diminución da mocidade que orienta o seu futuro universitario cara ás enxeñarías son desafíos que perseguen á EPS de Enxeñaría desde hai anos e aos que temos que seguir enfrontándonos, lembrou Romero, porque “para cumprir a nosa actividade formativa e de I+D precisamos alumnado”.