Skip to main content
Lugo

O Rato será escenario do curso de creación dunha espiral de aromáticas en Lugo

Por 18 Xuño, 2022Sin comentarios

O Espazo Permacultural Lugar de Reque, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo na contorna do centro de cestería, no paseo do río Rato, en Lugo, acollerá o vindeiro 26 de xuño un obradoiro de introdución á permacultura no que se explicará como crear unha espiral de herbas aromáticas.

O taller, impartido polos permacultores Alexandre Grande e Pablo Iglesias, permitirá ás persoas participantes familiarizarse cos fundamentos  teóricos e prácticos da permacultura ao tempo que crean, colectivamente, unha plantación de herbas aromáticas e medicinais cunha disposición circular, que facilita o máximo aproveitamento produtivo da terra e dos recursos naturais.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou que “con este obradoiro continuamos poñendo en valor e enchendo de contido este espazo natural que recuperamos e abrimos á cidadanía,  apostando por unha disciplina como a permacultura, que parte de saberes e prácticas tradicionais pero que conecta moi ben coas necesidades do presente e do futuro, que pasan por xeneralizar modelos de produción e consumo sostibles, pegados á terra”, expuxo.

O obradoiro desenvolverase de 10.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 19.30 horas. Para participar, é necesaria a inscrición previa a través do enderezo electrónico lugardereque@deputacionlugo.org, indicando nome completo, número de DNI e teléfono xunto a un ha breve descrición do perfil profesional ou persoal. O prazo para solicitar a participación abre mañá sábado, 18 de xuño. Anotarase por orde de inscrición.