Skip to main content
Lugo

O PP tilda de “gravísima” a negativa do BNG ao PXOM de Lugo

Por 19 Xuño, 2022Sin comentarios

Esta semana debatiuse en pleno extraordinario a aprobación do 5% do PXOM do Concello de Lugo. Un documento con máis de 20 anos nun caixón e que o Goberno municipal leva 11 anos intentando darlle pulo. Este venres os grupos da oposición abstíñanse na votación por “falta de tempo para estudar os documentos” e eran os nacionalistas quen dicían non ao plan urbanístico.

“Que Lara Méndez non sexa capaz de sacar adiante o 5% do PXOM é a proba máis evidente de que o goberno co BNG está totalmente roto”. Así o criticaba hoxe o PP. E é que para os populares o feito de que a socialista non fose quen de acadar o apoio do seu socio de goberno indica que “Méndez non ten forza como alcaldesa e, o que é máis importante, que nin se entenden, nin teñen vontade de facelo”, segundo manifesta o secretario xeral do PP da provincia, Javier Vázquez Nodal.

“No Concello de Lugo non temos goberno: o PSOE vai por un lado e o BNG polo outro. Non existe”. Tal é así que, apunta o secretario xeral, “estamos a vivir a mesma situación que co bipartito da Xunta de Touriño e Anxo Quintana; dúas Xuntas nunha e, en Lugo, dous Concellos nun”.

Para os populares demóstrase, unha vez máis, que “PSOE e BNG só se alían para sentarse nos sillóns e non deixar gobernar ao Partido Popular. Iso é o único que lles importa porque a xestión é o de menos. Con eles nos gobernos quen perden sempre son os cidadáns. No seu momento foron os galegos, en Lugo os lucenses e, en Madrid co goberno de Sánchez, todos os españois”. En definitiva, sinala Javier Nodal, “son alianzas que nunca son rentables e que non son unha garantía para ter á fronte das institucións”.

“O que aconteceu este venres é un feito gravísimo. É un bochorno e unha auténtica falta de respecto aos veciños de Lugo. Por dignidade política, Lara Méndez debería de pedir desculpas publicamente aos lucenses e abandonar esta forma de facer política, baseada na arrogancia e sen vontade de diálogo. Isto non se pode xustificar”, apunta.