Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo arranca o asfaltado das rúas do Ceao

Por 19 Xuño, 2022Sin comentarios

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o goberno de Lugo vén de iniciar os traballos de renovación da rúa do Arco e o Camiño de Sisulles, no Ceao. Arroxo afirmou que “son dúas rúas moi utilizadas polas traballadoras e traballadores desta zona do polígono do Ceao, que se atopan nun estado moi avanzado de desgaste”, e engadiu, “desde o Goberno de Lugo continuamos a traballar en garantir a mellor calidade nas instalacións públicas das zonas industriais de Lugo”.

Na actualidade, o firme destas rúas atópase nun estado de desgaste avanzado, o que fai necesario repavimentar para garantir a correcta funcionalidade da vía.

Os traballos a executar consistirán na limpeza da vía, que continuará co bacheo superficial da banda de rodadura actual, e instalarase unha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, cun espesor medio de 5cm, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, o que asegurará que a intervención sexa duradeira. Unha vez rematado o asfaltado, adaptaranse os rexistros á nova cota da vía e renovarase a sinalización horizontal.

A actuación foi adxudicada por 49.973€, e ten un prazo de execución de tres semanas.