Skip to main content
Lugo

As flores decoran Lugo nun novo mural do Culturban

Por 20 Xuño, 2022Xuño 21st, 2022Sin comentarios

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, visitou a rúa Amizade onde a artista Soberina Doa Oa presentaba un novo mural dentro do ciclo Culturbán. Arroxo explicou que desde o Goberno de Lugo “seguimos a traballar en intervencións artísticas na rúa que convirtan a Lugo nun lugar vangardista, participativo e amable”.

Dentro do seu proxecto artístico, chamado Reforestando, Doa Oa pretende transformar o espazo público a través dunha intervención mural de temática vexetal co obxectivo de espertar a conciencia do respecto á contorna natural e ao reino vexetal.

A artista elixiu para a súa intervención artística en Lugo a flor Primula Vulgaris, unha planta que crece de maneira silvestre na provincia de Lugo en zonas húmidas, sendo unha das plantas que primeiro florecen na primavera.

Con esta proposta, Doa Oa pretende “Reforestar” e encher de vida natural os muros a través da mirada botánica, co fin de renacer o espazo e conseguir que a intervención tamén teña unha función didáctica ademais de artística.

Culturbán é mostra de arte na rúa, organizado e coordinado pola Área de Cultura do Concello de Lugo xunto a Espazo Lupa Arte que este ano celebra a súa III edición. A área de Cultura propón un proxecto dedicado a crear, producir e apoiar actividades relacionados coa arte urbana co obxectivo de propiciar e difundir a arte no espazo público, programando diversas actividades sobre arte e cultura en diferentes lugares e espazos da cidade de Lugo.