Skip to main content
Lugo

O Congreso Internacional de Extensión Rural chega mañá a Lugo

Por 20 Xuño, 2022Sin comentarios

Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a organización do 11º Congreso Internacional de Extensión Rural Europea, que se celebra do 21 ao 25 de xuño en Lugo nas instalacións da Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) e no auditorio da Facultade de Veterinaria.

O encontro, organizado polas redes europeas de asesores rurais IALB,UFRAS e  SEASN xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, reunirá máis de 200 asesores rurais, investigadores e responsables de administracións agrarias de 30 países, que debaterán sobre os desafíos aos que se enfrontan as actividades agrarias e as persoas que as desenvolven nun contexto marcado polas esixencias medioambientais, os cambios na política agraria común ou a dixitalización, dentro do contexto da globalización.

As sesións plenarias, con relatorios e mesas redondas nas que se abordarán estas temáticas, complementaranse con xornadas técnicas de campo durante o xoves 23 de Xuño, nas que as persoas asistentes ao congreso coñecerán distintos proxectos e iniciativas de aproveitamento, transformación e comercialización de recursos agrícolas e gandeiros.

A área dirixida por Mónica Freire colabora na organización destas xornadas cunha achega de 3.500 euros. No tocante á provincia de Lugo, ofrécense tres itinerarios para achegar toda a singularidade do tecido produtivo primario: As Terras de Lemos, A Montaña e a Terra Chá.

Mónica Freire destacou “a importancia deste Congreso que se realiza con carácter anual e por primeira vez se celebra en España, en gran medida polo impulso da Asociación de Asesores Rurais de Galicia, e que refrenda a necesidadede que o criterio destes profesionais sexan tidos sen conta no deseño do novo modelo de asesoramento de cara ao período 2023-2027 da PAC.

Aínda que as competencias están atribuídas á Consellería de Medio Rural, agardamos que sexan conscientes aos importantísimos retos aos que nos enfrontamos no curto e medio prazo, e nas que o asesoramento debe ter un peso determinante na profesionalización, innovación e dixitalización do rural da provincia de Lugo e por extensión de toda Galiza”.

Medio Rural colabora tamén con apoio técnico no deseño da visita á Comarca da Terra Chá, que inclúe visitas ao Centro de Recría Gayoso Castro e á Granxa Experimental en colaboración coa USC, á empresa Innogando de Abadín, especializada no desenvolvemento de aplicacións e programas para monitorizar a saúde dos animais das ganderías, a Granxa Grixeira especializada na produción de leite de vacún, no Arneiro-Cospeito, exemplo de relevo xeneracional e crecemento sostible; e Quescrem Innolact, firma adicada á transformación do leite e a creación de produtos lácteos innovadores.