Skip to main content
Lugo

A unidade móbil de axuda a refuxiados ucraínos chega a Lugo

Por 20 Xuño, 2022Sin comentarios

A unidade móbil de información para refuxiados ucraínos achégase esta semana a Lugo. Estará instalada na explanada da Delegación Territorial da Xunta dende hoxe e ata o venres para atender ás necesidades dos refuxiados, entre as 9.00 e as 14.00 horas.

A oficina móbil conta cunha intérprete e unha traballadora social e ofrece asesoramento sobre todos os trámites que debe facer a poboación refuxiada e os servizos que teñen á súa disposición.

Entre outros, ofrecen asistencia nas solicitudes de prestacións básicas para a súa inserción, como a escolarización, o acceso ao sistema de saúde ou a inscrición en cursos de competencias lingüísticas para facilitar a súa entrada no mercado de traballo.

Responsables autonómicos destacaron que precisamente hoxe se conmemora o Día Mundial do Refuxiado, unha data para lembrar a necesaria solidariedade con todas as persoas que foxen de conflitos e persecucións nos seus países. “Nos últimos meses -engadiron- asistimos a unha guerra en Europa que nos demanda aínda maior implicación co drama da poboación ucraína”.

A oficina itinerante comezou o seu percorrido en abril e visita as localidades con maior presencia de refuxiados e refuxiadas ucraínos para que poidan acceder ao servizo de maneira sinxela e áxil. Na provincia de Lugo estiveron no último mes en Burela e Monforte de Lemos.