Skip to main content
Lugo

Comezan as Charlas de Alto Impacto organizadas polo Concello de Lugo

Por 20 Xuño, 2022Sin comentarios

O CEI Nodus acolle este mércores a primeira das Charlas de Alto Impacto organizadas polo Concello de Lugo, dentro da campaña Localmente Lucense. Unha nova actividade que se inclúe na Estratexia de Recuperación Económica do Municipio deseñada pola rexedora da cidade, Lara Méndez.

Co obxectivo de inspirar o emprendemento e seguir fomentando o orgullo lucense entre o empresariado e o público local, a tenenta de alcaldesa e concelleira de Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira, anunciou a realización desta xornada que combina unha parte de conferencia presencial, con expertos de recoñecido prestixio, “pero que logo terá continuidade cunha sesión de networking na que os relatores interactuarán cos asistentes para abordar cuestións que lles preocupen”.

“A actividade está dirixida a persoas emprendedoras ou que estean a piques de selo, a aquelas que xa teñen unha empresa ou ás que busquen aumentar coñecementos de cara a unha oportunidade ou mellora laboral porque o que pretendemos con esta iniciativa é incrementar as súas potencialidades e achegarlles outras perspectivas coas que afrontar os desafíos que xorden dun contexto tan complexo e cambiante como o actual”.

González Abelleira avanzou que, nesta ocasión, será o doutor en Neuromarketing, Mikel Alonso, quen propiciará entre o público unha reflexión sobre a maneira de actuar, tanto a nivel profesional como persoal a través do seu relatorio que versará sobre Como o Brain Data cambiará as redes”.

As persoas interesadas en acudir poden inscribirse en www.localmentelucense.gal/charlas-de-impacto

En total, o ciclo achegará unha ducia de sesións, da man de grandes referentes no ámbito empresarial nacional pero tamén local, nas que se tratarán aspectos como a xestión, as ventas, a comunicación, o branding ou marketing dixital.