Skip to main content
Lugo

Aulas de reforzo e actividades lúdicas en Lugo, contra o absentismo escolar

Por 20 Xuño, 2022Sin comentarios

A área de Xuventude do Concello de Lugo combatirá este verán o absentismo escolar con aulas de reforzo e actividades lúdicas ao aire libre. A actividade, impulsada polo Executivo de Lara Méndez, está incluída no programa +Xti, que subvenciona o Plan Nacional sobre Drogas e ten como principal obxectivo previr entre a rapazada o abandono da actividade lectiva e fomentar a educación.

A acción, que combina unha parte formativa pero tamén accións lúdicas e deportivas, se impartirá de balde no Punto de Información Xuvenil da Praza do Castiñeiro de luns a venres (agás os festivos) de 9.00 a 14.00h e tamén os xoves das 16.00h ás 20.00h.

Dirixida a mozos e mozas de entre 9 e 14 anos, pretende converterse nun apoio para as crianzas que non superaron algunhas materias ou que teñen dificultade nelas e queren chegar en mellores condicións ao vindeiro curso.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo dende este próximo mércores, 22 de xuño, en horario de 16.00h e as 20.00h nas propias instalacións municipais da Praza do Castiñeiro e apuntarse por semanas, quincenas ou mes segundo interese e dispoñibilidade. Ofrécense 18 prazas por día, en xullo e agosto, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.

Ademais do reforzo académico, están programadas diferentes propostas ao aire libre na mesma ubicación para promover hábitos saudables, que fomentan o exercicio físico, a axilidade mental e a interacción social coas que se pretende desbotar outro tipo de prácticas como o consumo de substancias ou o uso abusivo do móbil.

O concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto destacou a boa acollida que esta iniciativa tivo en anteriores edicións entre estudantes e familias que trasladaron non só un incremento do seu interese por asistir ás clases senón tamén as melloras académicas que obtiveron alén dun cambio moi positivo na súa conduta e comportamento individual e de interacción cos e coas compañeiras”, subliñou o edil.