Skip to main content
Lugo

Un concerto no Gustavo Freire celebrará o fin de curso da Tradescola

Por 21 Xuño, 2022Sin comentarios

Pasado o ecuador do mes de xuño, moitas son as actividades que están a rematar polo verán. Entre elas, as clases da Tradescola, que rematarán esta semana cun concerto no Gustavo Freire, co que celebrarán o fin de curso.

Mañá, 22 de xuño, dende ás 19.00 horas, terá lugar este festival de música e baile tradicional que terá lugar no Auditorio Municipal de Lugo. Unha actividade na que actuará o alumnado adulto de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, pandeira, percusión e requinta da Tradescola acompañados polos seus mestres.

Con este acto, a escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos en Lugo inicia a recta final do curso no que participaron mais de 250 alumnos en aulas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, e linguaxe musical ademais das aulas específicas para os máis pequenos.

Balance do curso

A Asociación de Gaiteiros Galegos obtivo un balance moi positivo deste curso, no que ademais das aulas impartidas, grazas a que as condicións sanitarias melloraron, xa se puideron realizar numerosas actividades de promoción e difusión da cultura tradicional tanto na cidade de Lugo como en distintas comarcas da provincia.

No último semestre, a Tradescola levou a cabo numerosas actividades como os concertos didácticos para escolares celebrados en Mosteiro (Pol), Friol, Foz, Melide ou Lugo, os concertos Sons de Maio para Florencio Delgado, a representación do Folión de Entroido, a celebración dos Maios.

Entre outras actividades organizaron unha nova edición do certame de debuxo para escolares de toda a provincia sobre Os instrumentos da música tradicional galega que este ano versou sobre a zanfona, e o programa 5 Lúas Cantando e Sementando, unha actividade xestionada pola Tradescola na que os escolares de 6º de Educación Infantil lucenses tiveron ocasión de poder traballar nos hortos dos seus centros educativos, e ademais aprender sobre a nosa cultura tradicional.